A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación tomou parte este venres no acto de entrega dos ‘Recoñecementos á Inclusión’ en Galicia, celebrado no Centro Sociocultural Ágora
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, participou esta mañá na entrega dos ‘Recoñecementos á Inclusión’ en Galicia, que se celebrou no Centro Sociocultural Ágora.
No acto, organizado por COGAMI e a Fundación Integralia de DKV, destacouse o labor en defensa da inclusión social e laboral das persoas discapacitadas por parte das Administracións públicas e as institucións privadas, ademais do recoñecemento ás ‘Familias con Tesón’, “para poñer en valor o esforzo dos familiares de persoas discapacitadas”.
Por outra banda, Neira apuntou á colaboración que mantén o Concello da Coruña con asociacións como COGAMI, a través do convenio orientado á financiación do servizo de intervención socio-laboral para persoas con discapacidade.
Ademais, a concelleira subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey para “impulsar melloras en accesibilidade, fundamentais no ámbito da inclusión”. Para isto, continuou, “ademais das barreiras sociais, educativas e deportivas, tamén é preciso derrubar as físicas”, motivo polo que, durante o vixente mandato, púxose en marcha un plan de intervencións en rúas, parques infantís e paradas de autobús, co obxectivo de garantir os estándares de accesibilidade universal á cidadanía.