Duplicaranse as prazas de aparcadoiro para residentes na contorna
O Concello da Coruña comezará o próximo luns, 24 de outubro, os traballos de peonalización da rúa Emilia Pardo Bazán, no seu tramo entre as rúas Juan Flórez e Marcial del Adalid. A humanización desta vía xa comezou durante a pandemia como unha experiencia piloto e agora o Goberno de Inés Rey levará a cabo obras de mellora tras lles presentar o proxecto a veciños, veciñas e negocios da contorna.
A actuación, dirixida pola Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, consistirá na instauración dunha plataforma única, que elevará a altura da calzada á das beirarrúas. Só será necesario actuar sobre a parte central, xa que o resto do pavimento foi renovado recentemente.
Tamén se instalarán novas zonas verdes, duplicarase o arboredo da rúa e instalarase mobiliario urbano. O Concello, ademais, decidiu situar as diferentes terrazas de hostalería nas fachadas dos seus locais, o que permitirá que o espazo peonil central sexa continuo e accesible para todas as persoas. “O espazo que ocuparán as terrazas será o mesmo que antes desta reforma. Tivemos en conta a opinión de todas as persoas, veciñanza e hostalería, á hora de proxectar a nova configuración da rúa”, explicou a alcaldesa, Inés Rey.
O Goberno municipal tivo en conta as achegas das veciñas e veciños, que pediron que se volvese a permitir o acceso desde Juan Flórez, que se permitirse a entrada para carga e descarga de particulares en calquera momento do día e que se crease unha delimitación do espazo das terrazas mediante marcas no pavimento.
Por outra banda, o paso de viandantes situado ao final deste tramo, na rúa Marcial del Adalid, quedará elevado, coa finalidade de darlle continuidade a este proxecto peonil ao seu paso pola praza de Vigo. “A rúa Marcial del Adalid duplicará as prazas para persoas residentes coa creación dun novo aparcadoiro en batería que permitirá ademais acabar coa dobre fila, atendendo de novo as peticións dos veciños e veciñas”, engadiu Inés Rey. A nova configuración de Emilia Pardo Bazán seguirá as directrices de accesibilidade actuais.
O Goberno de Inés Rey busca con esta medida continuar avanzando no modelo de cidade posto en marcha no actual mandato. O peche da circulación, salvo para residentes e carga e descarga, non lle afecta ao tráfico na zona ao haber alternativas na contorna e non tratarse dunha vía principal. “A actuación mellorará a calidade de vida dos veciños e dará continuidade aos proxectos postos en marcha noutras rúas do Ensanche, como Compostela”, indicou a rexedora.
A rúa Emilia Pardo Bazán é a última das cinco vías peonalizadas de maneira provisional polo Goberno de Inés Rey a raíz da pandemia onde se executan obras de humanización permanentes: Monte das Moas, San Leopoldo, Alcalde Marchesi e Compostela son as outras.
O prazo de execución dos traballos é de 14 semanas. “Priorizaremos os traballos para que o groso da obra quede rematada no Nadal”, apuntou Inés Rey.