O Concello iluminará de cor vermella a glorieta de Freixeiro o vindeiro luns, día 24, ás 21.00 horas con motivo do Día Internacional da Loita contra a poliomelitis, que se conmemora nesa data. Representantes do Rotary Club de Narón mantiveron unha xuntanza coa alcaldesa, Marián Ferreiro, para solicitar ese acto, a través do que se quere incidir na importancia de continuar traballando para erradicar a polio no mundo.
“Pongamos fin a la polio” é o lema elixido para a convocatoria deste ano. Dende o colectivo sinalan que mentres se detecten casos nalgún lugar –recentemente localizáronse no Reino Unido e en Nova York- continuará o risco en todo mundo e aseguran que a pesares da situación actual “continuamos avanzando e a promesa da erradicación da polio continúa en pé”. Dende o colectivo inciden na importancia da vacinación como único xeito de prevención contra a polio, entre outras enfermidades e do investimento na prevención e investigación.