O Concello da Coruña expón en Portugal as posibilidades da cidade como destino turístico
Axencias de viaxes de todo o país veciño acoden ao acto celebrado na Casa de Galicia da capital lusa
O Concello da Coruña, a través do seu Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, presentou o seu potencial turístico nun acto celebrado onte na Casa de Galicia de Lisboa. Axentes do sector turístico de Portugal coñeceron de primeira man a oferta gastronómica, cultural, patrimonial, artística e comercial da cidade galega. As axencias do país veciño puideron comprobar a experiencia da urbe herculina na organización de grandes congresos, así como a capacidade das súas infraestruturas dedicadas ao sector MICE.
O operador de turismo galego Interrías foi o partner principal da Coruña na presentación ante axentes de Lisboa e por primeira vez presentouse un catálogo específico da Coruña para as axencias de viaxes. O acto contou coa participación do director do Museo Mega Estrela Galicia, Rodrigo Burgos.
A oferta cultural na Coruña é ampla e abarca historia e arte dos máis de 800 anos da cidade. É lecer e tamén historia, patrimonio e arquitectura. A Torre de Hércules, cuns 50 metros de altitude, é coñecida en todo o mundo por ser o faro romano máis antigo en funcionamento. A Praza de María Pita, cun monumento a esta heroína que no seu día salvou á cidade, un dos concellos con máis historia de España, as fachadas modernistas ou as Galerías da Marina son puntos de interese para os visitantes.
A Coruña ten capacidade para albergar grandes eventos musicais con espazos excepcionais como o Coliseo, o estadio de Riazor, a praia, situada no propio centro urbano, ou o palacio da Ópera, sede dunha das mellores orquestras sinfónicas de Europa. O pasado verán estes espazos albergaron grandes concertos e foron escenario dos mellores grupos internacionais como Black Eyed Peace, Rosalía, Maluma ou UB40. Durante todo o ano a cidade goza destes eventos musicais, pero tamén dos mellores espectáculos de danza e teatro que elixen o Teatro Rosalía ou o Colón para abrir as súas xiras internacionais.
A cidade que viu crecer a Picasso, a que viu a súa primeira exposición e na que deixou un gran sinal o artista universal está o próximo ano de aniversario. Cúmprense 50 anos da morte de Picasso e é por iso que A Coruña acollerá varios eventos culturais de gran relevancia no panorama europeo.
Tal e como se expuxo na Casa de Galicia da capital lisboeta, a cidade non para, está en constante movemento. O seu carácter de vangarda poderase constatar o próximo mes de novembro. A Coruña converterase este outono no escenario doutra extraordinaria mostra fotográfica: Steven Meisel 1993 a Year in Photographs. A moda é outro dos reclamos desta cidade, un referente no mundo téxtil, con grandes firmas da industria da moda. En definitiva, unha urbe que marca tendencia, con moito estilo.
Doutra banda, as axencias de viaxes lusas puideron comprobar o enorme potencial da gastronomía atlántica coruñesa. Os seus fogóns conxugan a cociña de vangarda coa tradicional con produtos de calidade que chegan directamente do mar e das hortas da área metropolitana.
Talvez por iso a lonxa coruñesa é unha das máis afamadas de Europa e moitos provedores chegan á cidade en busca dos mellores peixes e mariscos de ultramar.
O Consorcio de Turismo expuxo a axentes do sector turístico de Portugal as posibilidades dun dos grandes reclamos turísticos do noroeste de España. Unha cidade cosmopolita, con personalidade e, ao mesmo tempo, moi acolledora.
Womex 2023
A Coruña participa estes días en Womex 2022, que se celebra na capital lusa, cun stand propio no que expón a oferta musical. Precisamente, o próximo ano, A Coruña será a sede de Womex 2023, o maior evento de músicas do mundo, que congrega cada ano a máis de 3.000 persoas vinculadas ao sector e á industria musical.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.