Friday 22 de November de 2024

A V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo Concello de Outes e patrocinada pola Deputación de Coruña e a Xunta de Galicia, é patrocinadora do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022


A V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo Concello de Outes e patrocinada pola Deputación de Coruña e a Xunta de Galicia, é patrocinadora do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022, promovido pola FAO e liderado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España. MDFDM 2022, que este ano se celebrará durante cinco xornadas (do 28 de outubro ao 1 de novembro), mantén a estrutura de proxeccións na que se van exhibir un total de 20 filmes nacionais e internacionais nas diferentes seccións, ademais de episodios de series e performances audiovisuais. Estas terán lugar durante as tardes no auditorio da Casa da Cultura (A Serra de Outes) e estarán complementadas con actividades paralelas de mañá no centro Náutico do Freixo.

Para poder asistir ás distintas sesións, será necesario reservar a través do sitio web da mostra <www.maresdafindomundo.gal>, a partir do vindeiro luns.

Competición Oficial
Mantendo o formato iniciado na edición anterior, Mares da fin do Mundo contará cunha Competición Oficial na que participarán catorce obras documentais producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2021, de menos de 60 minutos de duración e chegadas dende diferentes puntos do mundo. Unha das principais novidades é que estas obras optarán a dous premios. Mantense o Premio do Público (trofeo “O Sancosmeiro” e unha dotación económica de 200 €), e súmase o premio a Mellor Película da Competición Oficial (trofeo “O Faro” e unha dotación económica de 500 €), outorgado por un xurado profesional.
A continuación, os filmes que forman parte da competición:
⎯ “After Ice”, de Kieran Baxter (Reino unido/Islandia, 2021)
⎯ “Atalaia/Piueiro”, de Xisela Franco (España, Galicia, 2022)
⎯ “Intermède (Χορικο)”, de Maria Kourkouta (Francia/Grecia, 2022)
⎯ “La mer en héritage”, de Mégane Murgia (Francia, 2021)
⎯ “Last of Us: The Last Fishermen of the Lake”, de Andrea Marcovicchio (Italia, 2021)
⎯ “Le Constat de La Crevette Gris”, de Rémi Murez (Bélxica, 2021)
⎯ “Liquid Ground”, de Enar de Dios (España, Galicia/Austria, 2021)
⎯ “Mayotte, la mer buissonière”, de Pierre Belet (Francia, 2021)
⎯ “Pez volador”, de Nayra Sanz Fuentes (España, 2022)
⎯ “Tatuado nos ollos levamos o pouso”, de Diana Toucedo (España, Galicia, 2022)
⎯ “The Boat Builders (Batbyggerne)”, de Sveinung Uddu Ystad & Jon Terje Hellgren Hansen/Forbundet KYSTEN (Noruega, 2022)
⎯ “The Silente Wave”, de J.J. Abraham & Vishnu Hari (India, 2021)
⎯ “Voltar ao Mar”, de David Pérez, Rodrigo Martínez e Mikel Puertas (España, Galicia, 2022)
⎯ “Xaar Yallà”, de Maamadou Khouma Gueye (Senegal/Francia, 2022)

Catorce filmes, de dez nacionalidades distintas e falados en 9 linguas, centrados na pesca sostible e a protección do medio ambiente mariño, cun especial interese nos aspectos culturais, sociais e políticos que rodean ás comunidades pesqueiras tradicionais, así como o impacto da pandemia e o cambio climático nos océanos. Moitos destes títulos terán a súa estrea nacional en Outes.

Proxeccións especiais
MDFDM2022 volverá contar con dúas seccións paralelas: Proa, na que se programarán filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que ollan cara ao futuro, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. O programa cinematográfico complétase con proxeccións especiais, como os filmes de inauguración e clausura, tanto internacionais como galegos.

Nesta quinta edición, en colaboración con The Flaherty e co obxectivo de conmemorar o centenario do considerado como o primeiro filme documental da historia, proxectarase en formato fílmico “Nanook of the North”, do estadounidense Robert J. Flaherty, na sección Popa. O filme pretende representar a vida cotiá da familia do inuit Nanook (“Oso polar”), así coma a dureza das condicións de vida na rexión xeada do Canadá onde viven, mais non estivo libre de polémica pola súa representación das comunidades inuit. Os documentais que integrarán a sección Proa serán “From the Wild Sea”, da directora danesa Robin Petré (2021), e “Last of the Right Whales”, de Nadine Pequeneza (Canadá, 2021), que documentan a influencia e o impacto dos humanos no medio mariño.

O filme que inaugurará a V Mostra MDFDM será “Luzzu”, de Alex Camilleri (Malta/Estados Unidos, 2021), unha obra de ficción que documenta as dificultades dun pescador maltés para manter o seu medio de vida e tradición familiar.

O sábado proxectarase a estrea en festivais de “Desafíos del Océano: Científicas al Mando”, unha miniserie documental do Campus de Excelencia Internacional ‘Campus do Mar’ da Universidade de Vigo, en colaboración co Ministerio de Ciencia e Innovación /FECYT para dar a coñecer a investigación que levan a cabo varias científicas na actualidade e que constitúen retos de futuro para os océanos, o planeta e a humanidade.

Asemade, e coa intención de conmemorar o vinte aniversario da Marea Negra ocasionada pola catástrofe do Prestige, o luns 31 de outubro proxectarase a reportaxe documental “Nunca Máis, Marea de dignidade”, rodada e producida por SAGA TV no ano 2003, e que narra o clima social e político en Galicia con motivo da Marea Negra provocada polo accidente e posterior naufraxio do petroleiro Prestige. O mesmo día pola noite terá lugar a proxección e performance “Urho”, un proxecto audiovisual a cargo do cineasta Iván Torres e o músico Alex Salgueiro.

Como peche, na gala de clausura do martes 1 de novembro poderá verse un filme documental candidato a cinco Premios Goya na edición de 2022 e premiado en diversos certames internacionais de cinema. “Spitsbergen, o Gardián do Ártico”, do galego Ignacio Benedeti Corzo, documenta as consecuencias reais do quecemento global no Ártico a través dunha viaxe no quebraxeos Malmö. A obra será proxectada en 16 mm.

Actividades paralelas
Como en edicións anteriores, a programación compleméntase con varias actividades paralelas desenvolvidas principalmente no Centro Náutico do Freixo. Estas comezarán o venres coa gravación e emisión dixital en directo do programa “Mar de Ardora” da Radio Galega. Nas xornadas posteriores, a mostra contará cunha Mesa Proxecta, cuxa temática será “Os festivais de cinema no rural”, na que participarán profesionais do sector audiovisual, así como unha mesa redonda sobre a Pesca Sostible titulada “A imaxe da pesca e dos pescadores na sociedade”. Celebrarase tamén unha degustación gastronómica (showcooking) a cargo da Asociación de Hostalaría Ría da Estrela. Nas mañás do sábado, luns e martes, os asistentes poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, acompañado polas embarcacións tradicionais da Asociación Terra de Outes; dunha andaina sobre a importancia da Carpintaría de Ribeira no Concello de Outes ou dunha actividade de “Achegamento ao marisqueo a pé”, organizado pola Agrupación de Mariscadores a pé da Confraría San Bartolomé de Noia.
Do mesmo xeito, nesta edición, volvemos contar en MDFDM cunha exposición fotográfica. Nesta ocasión, terá como argumento a conmemoración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022, no que a Mostra é evento patrocinador. A exposición é posible grazas á cesión das obras polo fondo fotográfico da FAO.

O Obradoiro de Cinema con Móbiles, que a Mostra MDFDM vén desenvolvendo dende a súa primeira edición, está reforzado este ano coa participación do alumnado en dúas actividades formativas e didácticas que contaron coa participación do Concello de Outes, o GALP Costa Sostible, o IES Poeta Añón, o Proxecto ECONOIA 3 do Plan Mar Limpo da Consellería do Mar, a Agrupación de Mariscadoras da Confraría San Bartolomé de Noia e a Asociación Cultural Terra de Outes. Nestas actividades de formación de novos públicos, o alumnado tomou contacto coa cinematografía e co tratamento narrativo do seu entorno patrimonial, social e medioambiental. Durante a cerimonia de clausura da V Mostra, proxectarase o traballo desenvolvido e farase entrega dos agasallos e diplomas ao alumnado.

MARES DA FIN DO MUNDO, V MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA DOCUMENTAL
Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural pero con proxección internacional. Unha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar. Despois de catro edicións (desde 2018), MDFDM segue a traballar por ser un espazo de referencia e punto de encontro, tanto para o sector audiovisual como o pesqueiro e a cidadanía en xeral. Tendo en consideración que un dos obxectivos principais da Mostra é o seu compromiso coa sostibilidade, sendo asinante do Pacto Cultura Sustentable da ONU, algunhas das novidades desta V edición teñen que ver coa vinculación co territorio dende un punto de vista de sustentabilidade e inclusión social, dando entrada como colaboradores a entidades de referencia na zona como a Asociación A Misela, a Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros “ADISBISMUR” e a Asociación Pro Saúde Mental A Creba, fomentando e facilitando o acceso dos usuarios e usuarias de ditas entidades á Mostra, así coma noutros labores organizativos. Como exemplo desta colaboración, vinculado co noso compromiso co medio mariño, nesta edición todos os asistentes recibirán un chaveiro fabricado con plásticos extraídos da nosa costa, froito do excelente traballo da Aula Sostible do Freixo, un proxecto de sostibilidade e economía circular no que están integradas ditas entidades de inclusión social, así coma a Agrupación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEEO Fisterra — Ría de Muros Noia e o propio Concello de Outes. Do mesmo xeito, MDFDM asumiu o compromiso de transmitir os valores e principios da Mostra aos máis novos, colaborando co CEIP Plurilingüe de Outes, como unha labor de concienciación nas idades máis temperás.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla), colabora co Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais 2022 e é un festival colaborador do Festival Internacional de Films de Lorient “Pecheurs du monde”.