O funcionamento ineficaz do sistema de autobuses compartidos provoca que estudantes con dereito a transporte non poidan usalos por falta de prazas
Alumnos e alumnas do IES Monte Neme con dereito a transporte escolar atópanse a diario coa imposibilidade de usalo. O funcionamento ineficaz do sistema de transporte compartido, utilizado polos/as estudantes de ESO e dos ciclos formativos básicos, provoca que con demasiada frecuencia non teñan praza para desprazarse ata o instituto ou para regresar ás súas casas porque os autobuses van completos.
Ante a reiteración do problema, que obriga ao alumnado afectado a realizar os traxectos a pé, dende o centro educativo púxose en coñecemento da Inspección de educación e de Transportes, sen que a día de hoxe se lle puxese remedio. Ante esta situación anómala, o deputado Daniel Pérez vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galiza, entre elas unha proposición non de lei para instar á Xunta a solucionar o problema de xeito inmediato e a garantir que todo o alumnado con dereito a transporte escolar poida utilizalo.
O deputado carballés expón que o IES Monte Neme é un centro de referencia na Costa da Morte pola súa oferta de formación profesional e os numerosos premios e recoñecementos acadados ao longo da súa historia grazas ao compromiso do profesorado e a implicación do alumnado. Correspóndelle á Xunta de Galiza poñer os medios para que a oferta educativa siga mellorando, pero tamén para que o alumnado poida dispoñer dos servizos complementarios que lle corresponden e que precisa, e o transporte escolar é un deles.