Friday 22 de November de 2024

A Aula do Mar e a oficina turística recibiron 7.500 persoas durante o verán


A Aula do Mar de Mera recibiu 6.500 visitantes entre os meses de xuño e setembro. As oficinas de información turística de Santa Cristina e do Castelo de Santa Cruz atenderon a practicamente 1.000 persoas durante o mesmo período.

A Aula do Mar, que nestes días permanece pechada por obras, tivo unha media de 66 visitantes diarios, dos que tan só 200 acudiron como parte de grupos, e o resto a título individual. O 43% son españois non galegos, outros tantos galegos e o 11% de fóra de España. De entre os galegos, o 32% proceden da área metropolitana coruñesa e o 10,4% do propio concello.

A maior parte dos visitantes de fóra de Galicia proceden de Madrid, seguidos de Castela-León e Catalunya. A maioría das persoas estranxeiras foron francesas, seguidas moi de preto por norteamericanas. A certa distancia, alemás, británicas, suízas e italianas. Case tantos homes coma mulleres (48-52%).

En canto ás oficinas de turismo, entre as persoas de viaxe que se achegaron na procura de información hai un grande predominio de españolas non galegas (71%), por un 16% de galegas e un 13% procedentes doutros países. O 24% foron persoas procedentes de Madrid, o 10,5 de Castela-León e o 6,7% de Euskadi, seguidos por Catalunya, Castilla-La Mancha, Valencia, Andalucía e outras. En canto aos estranxeiros procedían de Francia, UK, Portugal, Holanda, Alemania, Arxentina, Italia, etc.