A Laracha é un dos municipios galegos socios desta entidade.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemorará mañá os seus 25 anos de andaina cun gran acto no que se recoñecerá o labor dos concellos fundadores e das entidades que impulsaron esta rede na que un cento de municipios, entre eles A Laracha, e tres deputacións comparten un firme compromiso cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. A técnica de Servizos Sociais Mari Carmen Ameijeiras será a representante do Concello da Laracha neste evento que se vai celebrar a partir das 11:00 h na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán).
O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, será o encargado de abrir o acto no lugar onde se celebraron as primeiras xuntanzas da entidade, impulsada tamén polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en nome do cal falará o seu director, Daniel G. Palau. A seguir, intervirá o presidente da ANMCV, Herménio Fernandes, cando se conmemoran dúas décadas de colaboración con Cabo Verde. Tomarán a palabra, a continuación, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdelegada do Goberno de España en Pontevedra, Maica Larriba. Tamén se contará coa presenza do presidente da Asociación de Municipios de Cabo Verde.
Un dos momentos máis especiais da xornada chegará coa entrega de recoñecementos aos concellos promotores do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Tamén subirán ao estrado outras entidades que apoiaron a súa creación, como a Federación Galega de Municipios e Provincias ou a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, que agrupa 1.000 municipios e na que o Fondo Galego ocupa a Vicepresidencia.
A actriz Diana Sieira será a encargada de conducir o acto, que contará coa música galega de Leni Pérez e Roberto Comesaña e mais cos ritmos angolanos de Alberto Mvundi. Así mesmo, os asistentes recibirán dous simbólicos agasallos: unha boneca elaborada por mulleres mozambicanas e unha árbore autóctona cedida pola Escola de Capataces Forestais de Lourizán (Pontevedra). Ademais, proxectaranse varios vídeos, un deles en homenaxe a Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego durante catorce anos.
Proxectos, sensibilización e Axenda 2030
Desde a súa constitución en 1997, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten apoiado preto de 200 proxectos en máis de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, nos últimos tempos, Mozambique e Guinea-Bissau, amais dos campamentos saharauís. Auga e saneamento, vivenda, xénero, educación, saúde, infraestruturas comunitarias ou xestión de residuos son algúns dos sectores de actuación. Ademais, cómpre destacar os programas de cooperación técnica, que envían a persoal dos concellos galegos a traballar sobre o terreo cos parceiros no Sur Global.
Ao longo deste cuarto de século, o Fondo Galego promoveu tamén numerosas actividades para sensibilizar á cidadanía galega fronte as desigualdades, en forma de exposicións, concertos, contos, obradoiros, teatro, audiovisuais, charlas, certames, etc. Nestes intres, desenvólvense asemade diversas accións para implicar á xente nova na loita contra o cambio climático a través do proxecto europeo People & Planet.
Por outra banda, o Fondo Galego impulsa desde 2015 múltiples iniciativas para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e promover a implementación da Axenda 2030 no eido local, incluída a formación nesta materia de cadros políticos e técnicos locais e asistencias técnicas para elaborar plans municipais de localización dos ODS.
O labor do Fondo Galego de cooperación e solidariedade, que se desenvolve baixo o lema #oglobalélocal, foi recoñecido en 2020 co Premio Consello Social UVigo-Humana.