A actuación permitirá mellorar a conexión entre as dúas partes do barrio de Conxo, favorecendo o paso peonil de veciños e peregrinos, e habilitando unha espazo verde para o uso e desfrute da cidadanía. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, acompañados polo xefe do Planeamento do Concello de Santiago, Enrique Seoane, explicaron esta mañá os detalles deste proxecto cuxo inicio está previsto para o 2023.
Os traballos centraranse na área que arranca no Campo de Conxo, atravesa a rotonda da SC-20 e continúa pola rúa Sánchez Freire, área pola que tamén discorre o último tramo do Camiño portugués. A zona foi xa obxecto de actuación no ano 2015 coa construción do túnel que permitiu desconxestionar o tráfico, e con esta nova actuación “apostamos por seguir traballando e ‘coser’ dúas zonas do barrio que ata o de agora están interrompidas pola SC-20 así como crear un novo espazo ‘Antonio Fraguas’ para o desfrute dos cidadáns”, sinalou a concelleira Mercedes Rosón.
O alcalde explicou que a “estimación desta fase da actuación rondaría os 600.000 euros, cunha parte xa orzamentada no 2022 e a diferencia no 2023”. O rexedor amosouse confiado en “que a licitación poida sacarse no primerio trimestre do ano 2023 para poder comezar así co proceso de expropiación ou cesión dos terreos que se atopan a carón da rotonda e que non son de titularidade municicipal”. O futuro “Espazo Antonio Fraguas” abranguerá “unha superficie duns 1000 metros cadrados entre beirarrúas e zona verde” e permitirá “corrixir a imaxe de barrio partido”, engadiu Sánchez Bugallo.
Actuacións
Nunha primeira fase, o proxecto centrarase na zona do CAMPO DE CONXO, como centro neurálxico do barrio, e a súa continuación cara á rotonda da SC-20. Un dos puntos fortes será a creación do futuro “Espazo Antonio Fraguas”, xusto a carón da rotonda, que pretende transformar o actual espazo de tránsito nunha área verde e amable destinada ao desfrute tanto da cidadanía como de visitantes.
Para este fin, prevese a ampliación e elevación dos pasos de cebra, a substitución do céspede, así como a instalación de bancos e dunha masa vexetal alta e densa que servirá de barreira natural ao tráfico da estrada. Ademais, o novo espazo dará acollida ás pezas escultóricas xa presentes na rotonda, volvendo a dotar de dignidade a escultura en homenaxe á figura do galeguista Antonio Fraguas.
Nunha segunda fase, tamén se realizarán melloras na rúa Sánchez Freire a través da incorporación dun pavimento continuo de asfalto pulido que favorecerá a accesibilidade da rúa así como a instalación de zonas de arborados e a reordenación do mobiliario urbano. A actuación de Sánchez Freire complementarase coa reforma da rúa Uxío Novoneira, un espazo afastado do tráfico que acollerá un pequeno parque para a cativada.
Nesta segunda fase tamén se prevén levar a cabo actuacións para acondicionar outros espazos adxacentes como a rúa Banquete de Conxo, os Roláns, a travesa de Conxo de Abaixo ou o aparcadoiro da rúa Ferrol. Ademais tamén se prevé a creación de novas sendas peonís.