— O representante do Goberno galego destacou que a VAP Baio-Berdoias, a mellora do saneamento e a sanidade absorben as partidas máis importantes
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a libraría Brañas Verdes para animar aos profesionais do sector cultural a adherirse á campaña do Bono Cultura da Xunta que os clientes poderán empezar a disfrutar a partir do 2 de novembro ata o 31 de decembro.
Durante a visita o delegado da Xunta anunciou que a Xunta reserva máis de 16 millóns para a comarca de Bergantiños-Costa da Morte para os principais investimentos da comarca. Neste senso, adiantou que a VAP Baio Berdoias contará coa partida máis importante de 3,5 millóns de euros, para o primeiro tramo de enlace de Baio con Camariñas e outros 500.000 euros para a avanzar na variante de Carballo.
Trenor subliñou que nesta zona a colaboración da Xunta cos concellos para mellorar os servizos de saneamento seguirán contemplando importantes investimentos nos municipios de Laracha, Cee e Corcubión cun investimento total de máis de 5,5 millóns de euros.
Ademais, o hospital de Cee tamén absorberá varias partidas para a reforma de área de urxencias e a renovación do seu equipamento de case un millón de euros
O representante do Goberno galego referiuse tamén a outro investimento de máis de 2,5 millóns de euros para a posta en marcha de dúas plantas de transferencia de residuos por parte de SOGAMA en Cee e Ponteceso que pasarán a formar parte dunha rede planificada pola Xunta con criterios de eficiencia, sustentabilidade e eficacia, formada por 17 instalacións grazas ás que máis de 2,1 millóns de habitantes disporán dunha planta de compostaxe ou ben de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Programa Bono Cultural
O programa Bono Cultural contempla descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. O ano pasado a iniciativa conseguiu animar a actividade cultural do outono galego, cun balance final dun total de 68.562 operacións, a mobilización de máis de 2M € ao longo de dous meses en marcha e a participación de 560 negocios culturais adheridos.
A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos.
“Se na primeira edición o obxectivo foi volver a reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora cómpre botar unha man ao sector e os consumidores nesta nova crise de suba de prezos”, indicou Trenor
O delegado da Xunta recalcou que este bono é unha medida “para todos os galegos, teñan a idade que teñan fronte ao que fan outras Administracións que lanzan medidas dirixidas a colectivos moi específicos”.
Empresas
O Bono Cultura botou a andar o pasado 15 de outubro coa apertura do período de adhesión das empresas. As empresas interesadas dispoñen dun mes para inscribirse no programa desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o pasado venres.
A adhesión activarase nese momento a través da páxina web www.bonocultura.gal. Poderán formar parte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais en Galicia, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural como salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións…, así como museos casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais.
Deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do imposto sobre actividades económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria que se publicou o venres no DOG. Como novidade, este ano amplíase o número de epígrafes e tamén o teito de gasto que cada establecemento pode ter ao abeiro desta campaña, ata os 30.000 euros.
Beneficiarios
A continuación, a partir do 2 de novembro, os usuarios poderán solicitar os bonos e comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro. Poderá facerse co bono calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a partir desa data a través da web www.bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR.
O orzamento total do Bono Cultura 2022 é de 1M € coa intención de mobilizar 2M € e que se beneficien 20.000 persoas. Os bonos terán un valor de 50 € por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran.
As compras terán un desconto do 50 % ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían con respecto á edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo…), salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.