Saturday 16 de November de 2024

Esgotadas todas as prazas das xornadas para persoas emprendedoras ‘Impulsa e Despega’, que comenzaron hoxe


O concelleiro de Emprego, Jesús Celemín, presidiu a xornada inaugural deste programa promovido polo Concello e no que participan uns 40 negocios

O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, presidiu a inauguración das xornadas para persoas emprendedoras ‘Impulsa e Despega’, que están organizadas polo Concello. O edil destacou o grande éxito desta convocatoria na que se esgotaron as 40 prazas ofertadas para persoas con negocios en marcha.

O programa de axuda ao emprendemento ‘Impulsa e Despega’ realizará as súas xornadas presenciais no Centro de Empresas Accede Papagaio este xoves e venres. O obxectivo desta iniciativa é a profesionalización e revitalización do tecido empresarial local a partir de modelos de negocio baseados en aspectos económicos, sociais, ambientais e sostibles, recollidos na Axenda 2030.

‘Impulsa e Despega’ é unha actividade gratuíta que busca axudar a esas persoas que queren comezar negocios e darlles un carácter diferencial. O programa consta de tres partes: un evento presencial os días 20 e 21 de outubro no Centro de Empresas Accede Papagaio, unha formación grupal en liña ou presencial de catro sesións que se desenvolverán os días 26 de outubro e 2, 9 e 16 de novembro, e un acompañamento e seguimento dos proxectos en liña, entre o 20 de outubro e o 25 de novembro.

“O obxectivo do Goberno de Inés Rey é darlles ferramentas útiles a eses pequenos negocios con boas ideas pero poucos recursos que necesitan asesoramento profesional para crecer”, sinalou Jesús Celemín. O programa pon o foco na análise e xestión de catro áreas estratéxicas: modelo de negocio, estratexia empresarial, finanzas e comunicación. O Concello da Coruña, a través de ‘Impulsa e Despega’, ofrece instrumentos para que esas pequenas empresas sexan competitivas no mercado.