O edil de Servizos, Ibán Santalla, informou que o Concello e Ecovidrio impulsan na cidade a campaña solidaria “Recicla vidrio por elas”. Unha iniciativa que ten como obxectivo mobilizar á cidadanía a reciclar envases de vidro para coidar o medio ambiente e contribuír deste xeito a unha causa solidaria para a prevención do cancro de mama. O contedor rosa desta campaña permanece instalado na Praza da Gándara dende onte e poderanse depositar durante unha semana envases de vidro, tal e como apuntou Santalla. Ecovidro encargarase posteriormente de transformar eses envases nunha doazón á Fundación Sandra Ibarra.
A campaña desenvólvese en 170 cidades de todo o territorio nacional e en conxunto instaláronse 400 contedores rosas. Ademais de contar con Sandra Ibarra, presidenta da Fundación, como embaixadora do proxecto, Sara Herranz uniuse á iniciativa e elaborou un manifesto titulado “Prometo coidarme”, para concienciar á cidadanía da importancia do coidado do medioambiente e a autoexploración para a prevención deste tipo de cancro.
Pola súa banda, como símbolo da concienciación e solidariedade co cancro de mama, Agatha Ruiz da Prada deseñou un miniglú especial para a ocasión, no que se destaca o lema da Fundación Sandra Ibarra: “Cheas de vida”. O miniglú poderase adquirir a través da web Miniglú.es, e os beneficios destinaranse á Fundación Sandra Ibarra para contribuír á prevención e investigación do cancro.
No que respecta ao Concello de Narón, segundo os últimos datos relativos a 2021, os habitantes da cidade reciclaron un total de 505,97 toneladas de envases de vidro, o que supón que cada habitante reciclou de media 13 quilos. En canto á taxa de contenerización, Narón sitúase cunha media de 239 habitantes por contedor, contando cun total de 163 iglús para os residuos de envases de vidro instalados.
Dende o Concello de Narón impúlsase esta iniciativa con motivo do Día Mundial de Loita contra o cancro de mama, que se conmemorou onte. A maiores, tamén se iluminou a pasada noite de cor rosa a rotonda de Freixeiro, como mostra de apoio e solidariedade ás persoas que padecen esta enfermidade.