_O xeodestino, tras superar un primeiro corte, someteuse ao exame dos expertos que certificarán antes de final de 2022 se os 16 concellos que forman parte do proxecto merecen contar co selo ‘Destino Turístico Starlight’
_Costa da Morte Asociación Turística guiou e acompañou aos peritos da Fundación Starlight por diversos lugares estratéxicos para a observación do firmamento
_Os representantes dos concellos da Costa da Morte mostraron na Casa da Cultura de Vimianzo o compromiso co proxecto que situará á zona como referente en astroturismo
Os auditores da Fundación Starlight Aleix Roig y Susana Malón visitaron esta semana o xeodestino Costa da Morte para coñecer persoalmente o territorio e determinar de xeito xa definitivo se Costa da Morte cumpre cos requisitos para ser merecedora do ‘Destino Starlight’, un selo de prestixio que avala a excelencia para ser referencia no eido do astroturismo. Trátase do proxecto máis importante da CMAT para esta anualidade e conta coa cofinanciación da Deputación da Coruña.
Os peritos da Fundación Starlight estiveron na Costa da Morte desde o 17 ata o 20 de outubro. Nas súas visitas, programadas pola Secretaría Técnica da Costa da Morte Asociación Turísica (CMAT), contaron en todo momento coa colaboración e apoio dos membros da súa xunta directiva, dos concellos e dos empresarios do sector. A candidatura conta, como clave fundamental, ademáis, co asesoramento científico no eido astronómico dun equipo liderado por Jorge Mira, no que participan expertos como Pablo Canedo e Óscar Blanco, que acompañaron aos auditores a o equipo da Secretaría Técnica durante parte da súa visita.
Durante a xornada do 18 de outubro, coñeceron lugares de especial interés para o astroturismo como Arca da Piosa, en Zas; encoro da Fervenza, na zona de Mazaricos e Dumbría; a praia do Rostro, en Fisterra; o Cabo Touriñán, en Muxía; e o Cemiterio dos Ingleses, en Camariñas, aproveitando o itinerario para coñecer outros lugares emblemáticos do territorio, como o Camiño de Fisterra e Muxía, O Pindo, Olveiroa, o Faro de Fisterra, o miradoiro e fervenza do Ézaro, Corcubión, Lires, etc.
Os representantes dos concellos da Costa da Morte, encabezados en moitos casos polos seus alcaldes e alcaldesas, e os empresarios, emprendedores e líderes das asociacións do sector turístico participaron onte mércores, 19 de outubro, nunha xornada celebrada na Sala de Conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo e na que estiveron presentes os membros da Fundación Starlight que visitaron Costa da Morte. As Administracións locais e os representantes da iniciativa privada turística fixeron fincapé na proposta das novas actividades no xeodestino vinculadas ao turismo das estrelas, e aproveitaron para realizar consultas sobre como incorporar paulatinamente medidas que reduzan a contaminación luminosa e protexan, así, a calidade dos ceos nocturnos.
Os auditores ofreceron unha visión constructiva do proxecto Destino Startlight e brindáronse a prestar asesoramento especializado en estratexia de astroturismo e alumeado exterior para a protección do ceo nocturno. A presidenta da CMAT destacou a implicación de todos os concellos que integran Costa da Morte Asociación Turística e tamén fixo referencia á iniciativa privada. “Agradezo o compromiso demostrado polas administracións locais e polo empresariado neste proxecto que é de todos”, apuntou Mónica Rodríguez.
Onte mércores pola tarde, 19 de outubro, os auditores e o equipo de coordinación, ao que se incorporaron os expertos Pablo Canedo e Óscar Blanco, continuou percorrendo lugares onde se dan as condicións óptimas para a observación de estrelas pola súa ubicación alonxada de focos de contaminación lumínica. Roig y Malón coñeceron o Castro de Borneiro, en Cabana de Bergantiños; Punta Nariga, en Malpica; e o Espazo Natural de Razo e Baldaio, en Carballo, aproveitando para visitar o Dolmen de Dombate e o seu centro de interpretación, pasar por Ponteceso e a casa de Eduardo Pondal, gozar das vistas do estuario do río Anllóns e a ría de Corme e Laxe, e vislumbrar as Illas Sisargas e a vila de Caión.
A presenza dos expertos da Fundación Starlight, que hoxe mesmo, 20 de outubro, deixaron o xeodestino para retornar aos seus lugares de orixe, confirma que os 16 concellos que aprobaron en plenos municipal a súa adhesión á Declaración sobre la Defensa del Cielo Nocturno y el Derecho a
la Luz de las Estrellas, e ao proxecto de Costa da Morte Destino Starlight (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas) superaron xa un primeiro corte na carreira para obter o marchamo Destino Turístico Starlight. Agora falta saber se o xeodestino superará a proba definitiva. Costa da Morte Asociación Turística confía en coñecer o resultado da auditoría e, en consecuencia, se xa ten a luz verde para ser Destino Turístico Starlight, antes de que remate 2022.
A auditora Susana Malón, pola súa banda, destacou o traballo de planificación da auditoría realizado pola CMAT. “Queremos felicitar á CMAT e aos concellos todos os esforzos evidentes realizados para planificar esta visita, sen dúbida trátase duns dos traballos de organización e acompañamento máis coidados e exhaustivos que temos vivido coma auditores Starlight”. Ao seu xuízo, Costa da Morte “ten moitas posibilidades de obter o certificado”, ainda que indicou a importancia e relevancia que, no caso de ser recoñecida co visto bo ao selo de excelencia astroturísica, tería unha segunda auditoría prevista para dentro de catro anos na que se deben contar con claras evidencias de mellora e evolución: “Nese momento evaluaríase a implicación de todo o territorio a través da implantación das novas medidas para combater a contaminación lumínica e protexer o ceo nocturno así como as actividades deseñadas e programadas para fomentar e potenciar o astroturismo”.