Friday 22 de November de 2024

A Xunta convida á cidadanía a colaborar coa campaña “Recicla vidro por elas” que doará fondos para a loita contra o cancro de mama


 Ángeles Vázquez salienta que a prevención é a mellor opción de xestión de residuos e, no cancro, a prevención e a investigación tamén resultan fundamentais para vencer esta enfermidade

 Ecovidro doará un euro á Fundación Sandra Ibarra por cada quilo de vidro depositado en calquera dos 35 iglús repartidos entre os 30 concellos participantes nesta iniciativa

A Xunta de Galicia convida á cidadanía a colaborar coa campaña Recicla vidro por elas, posta en marcha por Ecovidro, que doará un euro á Fundación Sandra Ibarra por cada quilo de vidro depositado en calquera dos 35 iglús repartidos entre os 30 concellos participantes nesta iniciativa.

Durante a súa visita a un destes iglús localizados na Coruña con motivo do Día Mundial contra o cancro de mama, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu en que a prevención é a mellor opción de xestión de residuos e, no cancro, a prevención e a investigación tamén resultan fundamentais para vencer esta enfermidade, así como todas as iniciativas que impulsen as ganas de loitar para todas as mulleres que viven esta situación.

E, nesa liña, enmárcase a campaña Recicla vidro por elas, cuxo obxectivo, segundo salientou Ángeles Vázquez, “é fomentar non só a reciclaxe de vidro e o coidado do medio ambiente, senón tamén colaborar na prevención e investigación do cancro de mama”.

Deste xeito, por sétimo ano consecutivo, Ecovidro instalou 35 contedores rosas en 30 concellos galegos, preto dun 40% máis que en 2021, o que reflicte o compromiso dos municipios galegos coa promoción desta acción.

Ata finais de mes estes contedores rosas estarán dispoñibles en puntos emblemáticos dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Narón, Carballo, Noia, Curtis, Fene, Boiro, Porto do Son, Ribeira, Lugo, Burela, Cervo, Chantada, Ribadeo, Viveiro, Ourense, Barbadás, Celanova, Ribadavia, Vigo, Gondomar, Marín, Mos, Poio, Redondela, Sanxenxo, Tomiño e Vilagarcía de Arousa.