Saturday 16 de November de 2024

Pechado o Paseo Fluvial do Río Vilán pola caída dunha arbore


O temporal da pasada noite tamén deixou incidencias de pequena entidade na rede viaria que foron resoltas nesta mañá.

A Policía Local da Laracha procedeu esta mañá ao peche do acceso ao paseo fluvial do río Vilán, na parroquia de Cabovilaño, ante a caída dunha árbore durante a pasada noite. Os efectivos do corpo municipal de seguridade acordoaron os dous accesos, un xunto á glorieta da autoestrada AG-552 en O Cancelo e, o outro, na estrada que dirixe ao Igrexario á altura do lugar de O Vilar.

Este suceso provocou importantes danos nun tramo da pasarela de madeira, pero afortunadamente non se produciu ningún de tipo persoal. O Concello retirará a árbore caída a maior brevidade e realizará unha avaliación dos danos que presenta o paseo fluvial antes de proceder á súa reparación.

Por outra parte, o temporal de onte tamén causou incidencias, neste caso de pequena entidade, en puntos da rede viaria municipal. O máis destacado rexistrouse na estrada local A Laracha-Cerceda á altura da subida ao miradoiro de Santa Marta -entre os lugares de A Xesta e Compañeiro-, onde a forza da auga arrastrou terra á estrada. Nesta maña realizáronse as intervencións oportunas para limpar a zona, restablecer a normalidade e garantir a seguridade viaria.