A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro Román Romero desprazáronse este mediodía á parroquia de Sedes para visitar a Carmen Díaz Fernández con motivo do seu centenario. A homenaxeada cumpriu cen anos o pasado domingo, día 15, e celebrarao coa súa familia esta fin de semana, cunha festa para a que convidou a familiares e amizades.
Carmen tivo outros oito irmáns, que xa morreron, e explicoulles a Ferreiro e Romero que naceu no lugar de Bazón, na parroquia de Pedroso, aínda que se trasladou hai máis de setenta anos a Sedes, donde reside actualmente coa súa filla, Carmela Doce e o seu xenro Víctor Santalla. Xunto a eles e á súa única neta, Yolanda Santalla, recibiu hoxe de mans da alcaldesa un ramo de flores como agasallo e unha tarta coas velas do centenario, que puido soprar a homenaxeada durante a visita. Recordou tamén que en Bazón ten as súas dúas afilladas e como recibe numerosas visitas dos seus familiares e amizades.
Viúva dende hai once anos, recoñece que lle gusta moito o doce e confesou que as galletas de coco nunca faltan tralo almorzo, a comida e a cea. Carmen está moi ilusionada coa festa que celebrará este sábado. Antes de finalizar a visita Carmen conversou animadamente con Marián Ferreiro e Román Romero e aseguroulles que “nunca pensei poder chegar a cumprir os cen anos”. Eles, pola súa banda, felicitárona novamente antes de dar por finalizado o encontro, que para ela foi unha sorpresa, e desexáronlle que goce desta nova etapa e da festa que con tanta ilusión espera para este sábado.