O ambicioso proxecto bota a andar cunha axuda económica próxima ao medio millón de euros dentro do programa Experiencias Turismo España
Carballo e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, en Galicia, e os municipios de Getxo (Euskadi), Ribamontán al Mar (Cantabria) e Castrillón (Asturias), construirán unha Rede de Pobos do Surf cunha importante axuda económica do programa “Experiencias Turismo España”. O Ministerio de Industria, Comercio e Consumo vén de conceder unha subvención próxima ao medio millón de euros que permitirá afrontar este ambicioso proxecto turístico co respaldo dos fondos europeos Next Generation, tal como anunciaron os representantes das entidades participantes, entre eles Evencio Ferrero, nun acto celebrado esta mañá no Océano Surf Museo de Valdoviño, o único dedicado en España a este deporte.
A rede de Pobos do Surf pretende ser unha nova experiencia a nivel estatal e unha ferramenta de traballo colaborativo na xestión sostible do turismo de surf dun modo integral, que contribúa á conservación do medio natural, fomentando a protección das ondas e da costa e a súa regulación, e á promoción do patrimonio cultural, con especial énfase na gastronomía e a historia de cada municipio da rede e da totalidade da mancomunidade.
Así, o proxecto contempla a creación de novos produtos turísticos ligados a actividades sostibles tematizadas (surf e patrimonio cultural, surf e lecer en familia, e surf e gastronomía), tendentes á desestacionalización do turismo nos respectivos territorios. Esta é, precisamente, unha das actuacións concretas da rede, así como outras como: a creación dunha imaxe de marca propia; a posta en marcha dunha web corporativa de Pobos do Surf e perfís nas diferentes redes sociais; campañas de divulgación e sensibilización a través das redes e de promoción en medios de comunicación; deseño e execución de formación online para a mellora da competitividade do sector turístico vinculado ao surf respecto á enerxía e dixitalización, e deseño e execución de xornadas de asesoramento para a posta en marcha de novos negocios ou liñas de servizos.
Así mesmo, escolas de surf, surf camps, surf shops, shapers (fabricantes artesáns de táboas de surf), empresas provedoras de material, empresas de aloxamento e restauración, empresas de organización de eventos deportivos, así como outros operadores turísticos relacionados, beneficiaranse especialmente do proxecto a través da participación directa nas accións propostas e como beneficiarios indirectos do desenvolvemento sostible do turismo de surf. Nesta liña, estímase a existencia dunhas 120 empresas específicas ligadas ao surf no conxunto das entidades locais que promoven a iniciativa.
Ademais, non se descarta ampliar o número de “socios”, e, polo tanto, o territorio da rede en base aos resultados desta primeira experiencia que impulsan localidades hoxe en día auténticos referentes como destinos surf en España.