Os concellos de Moeche, Narón e San Sadurniño veñen de cursar unha solicitude formal dirixida ao servizo de Inspección da Consellaría de Educación e á Xefatura territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade co obxectivo de poder manter un encontro urxente no que “procurar unha solución” aos problemas de transporte que padecen 15 alumnos e alumnas de Moeche, San Sadurniño e das parroquias de Doso e Pedroso matriculadas en bacharelato no IES Fernando Esquío de Neda. Segundo comunicaron as familias, á rapazada non se lle permite compartir autobús co alumnado de ensinanzas obrigatorias que acode ao mesmo centro a pesar de ter suficientes asentos dispoñibles.
O IES Fernando Esquío é centro de referencia para cursar bacharelatos de Ciencia e Tecnoloxía e de Humanidades para a rapazada que o ano pasado rematou a ESO no CPI San Sadurniño, un centro que, á súa vez, recolle alumnado tanto de San Sadurniño como de Moeche e Narón, principalmente das zonas de Doso e Pedroso.
A rapazada que cursa en Neda ensinanzas obrigatorias ten transporte asegurado desde Igrexafeita e Naraío pasando por Vista Alegre e, de feito, o autobús só completa a metade das prazas.
Porén, os 15 alumnos e alumnas de bacharelato de Moeche, San Sadurniño, Doso e Pedroso deben buscar transporte alternativo para ir ao instituto, posto que non se lles permite subir a ese bus nin tampouco dispoñen de combinacións por tren ou nas liñas regulares por estrada que lles aseguren chegar en hora ao centro.
Así as cousas, as familias afectadas -despois de manteren unha reunión co centro o xoves pasado- trasladáronlle aos concellos o problema e, neste sentido, Beatriz Bascoy, Marián Ferreiro e Secundino García asinaron un escrito rexistrado esta mañá con destino á Inspección da Consellaría de Educación no que se solicita “unha xuntanza para analizar e procurar unha solución á situación” que, segundo poñen de manifesto, “está causando un grave prexuízo ao alumnado e ás familias”. No texto ínstase ao departamento autonómico a que o encontro poida manterse “xa a vindeira semana”.
A solicitude tamén se lle remitiu á Xefatura territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, habida conta de que a configuración do servizo de transporte público por estrada -así como a adxudicación da súa xestión- é de competencia autonómica. Neste caso a intención dos municipios é buscarlle solución definitiva ao problema do alumnado de Neda, pero tamén demandar frecuencias e servizos suficientes para a rapazada que acode a outros centros, que se viron trastocados trala última modificación do mapa do transporte metropolitano.