Saturday 16 de November de 2024

Cabanas organiza un obradoiro de economía social e cooperativismo


O obradoiro está dirixido principalmente a mulleres, en conmemoración do Día da Muller Rural

As áreas de igualdade e emprego do Concello de Cabanas veñen e programar a xornada “Sementeiras no Emprego”, un obradoiro de economía social e cooperativismo dirixido principalmente a mulleres, no que se afondarán nas características, fundamentos e fórmulas da economía social.

O encontro servirá para analizar as oportunidades de negocio, coñecer os beneficios fiscais, subvencións e financiamento existentes para a creación de cooperativas e sociedades laborais e realizar análises prácticos de constitución de sociedades. Ademais, tamén contará coa participación de persoas que expoñerán os seus casos de éxito.

A xornada está programada para o mércores 26 de outubro, en horario de mañá ou tarde, dependendo da demanda do grupo, e se celebrará de maneira presencial no Concello de Cabanas, aínda que tamén se admite a participación telemática. Aquelas persoas interesadas en participar deben enviar o seu nome completo, localidade de procedencia e horario de interese (mañá ou tarde) antes do 25 de outubro ao correo igualdade@cabanas.gal ou por teléfono no 649 075 263. As prazas son limitadas.

Esta actividade enmárcase dentro da conmemoración do Día das Mulleres Rurais, celebrado o pasado 15 de outubro, unha data na que se recoñece a función e contribución decisiva da muller rural na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, a mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza rural.