Friday 22 de November de 2024

Respaldo unánime do tecido económico e académico de Santiago á candidatura integradora para acoller a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial


O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, reafirmouse na súa proposta de integración para acoller a Axencia Española de Intelixencia Artificial (AESIA) nas cidades de Santiago e A Coruña tras unha reunión na que participaron os voceiros dos grupos da corporación municipal, o reitor da USC e representantes do tecido empresarial de Santiago. Sánchez Bugallo insistiu en que “obxectivamente a candidatura de Santiago é máis forte” porque dos 11 parámetros que establece o Ministerio para elixir a sede da AESIA, Compostela sobresae en 7 e A Coruña en 4. O rexedor tamén sinalou que a alianza faría imbatible a proposta de Galicia.

Tras unha reunión de case dúas horas na que participaron o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, as concelleiras de Urbanismo, Mercedes Rosón, e de Facenda e Modernización da Administración Local, Marta Abal; os voceiros dos grupos da Corporación Municipal, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e representantes da Cámara de Comercio, do Club Financeiro, do Foro Cívico e da Asociación empresarial do Tambre, a cidade adoptou unha fronte común para demandar que a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial (AESIA) se ubique en Santiago. O alcalde explica que Compostela é “máis forte en 7 dos 11 parámetros que establece o Ministerio para ubicar a Axencia” mentres que A Coruña destaca en 4.

“O emprazamento desde o punto de vista das comunicacións co resto de Galicia é claramente mellor, a súa conectividade co resto de España tamén o é cunha estación de tren a 5 minutos, cunha rede de autovía de integración directa, cun aeroporto con máis destinos e máis frecuencias e con equipos de investigación máis potentes e desenvolvidos” explicaba o alcalde, que insiste en dúas das tres propostas coas que traballa o Concello: a instalación da súa sede na Cidade da Cultura, no edificio Fontán; ou unha sede compartida Santiago-A Coruña, coa parte administrativa na Cidade da Cultura e cos laboratorios e os espazos onde se desenvolvan os proxectos pilotos na cidade das TICs.

Todos coinciden en sinalar que a forma de “resultar competitivos de cara ás outras sedes que se van a presentar a nivel nacional” é a través dunha proposta integradora, destacaba o presidente do Club Financiero, Roberto Pereira. Tamén José Alborés, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre insistía en que “dividíndonos acabará saíndo Granada, Alicante ou calquera outro”. O reitor da USC, Antonio López destacaba que a proposta de compostela é a que ten máis “puntos a favor”.

O alcalde explicou que existe unha terceira alternativa, que presentarán a final de mes se non se consigue o consenso coa cidade herculina, exclusiva e específica de Santiago. Insiste o alcalde en que no campo da investigación “obxectivamente é evidente que gaña Santiago”, ao igual que “nos grupos de traballo e nas publicacións”, ao que se suma que Compostela é sede dos principais servizos autonómicos neste ámbito xa sexa o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) ubicada precisamente no edificio Fontán da Cidade da Cultura. Aínda que a proposta integradora sería “moi dificilmente batible porque é conxunta”, insiste Sánchez Bugallo en que “o noso obxectivo é gañar a nivel nacional” e Santiago reúne as características necesarias para ser a candidata elixida.