Friday 22 de November de 2024

Inés Rey destaca o novo modelo urbano, o escudo social e a reactivación económica como eixos centrais do seu mandato


A alcaldesa puxo en valor, na apertura das actividades da Asociación de amas de casa, o traballo levado a cabo para a transformación da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, que interveu esta tarde na apertura da programación de actividades do curso 2022-2023 da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, puxo en valor o labor realizado neste mandato para a reactivación e transformación da Coruña destacando como eixos centrais do seu mandato o novo modelo urbano, o escudo social e a reactivación económica.

A rexedora fixo un repaso das medidas e accións máis importantes levadas a cabo nos últimos tres anos, entre as que destacou medidas de carácter social e intervencións urbanísticas como exemplo do modelo de cidade. “Un proxecto que naceu dunha forma de entender que o futuro da Coruña pasaba, necesariamente, por unha adaptación dos espazos públicos da cidade a un novo modelo de futuro. Adaptar A Coruña que coñeciamos á Coruña que vén” explicou a alcaldesa.

A conferencia, que se levou a cabo esta tarde no Casino baixo o título “Reactivando A Coruña: Presente e futuro da nosa cidade”, foi introducida por Rosa Otero Raña, presidenta da Asociación.