Friday 22 de November de 2024

O concello e a Xunta renovan as instalacións do Centro Sociocultural da Insua


O proxecto supón un investimento superior aos 30.000 euros.

As instalacións do centro sociocultural da Insua, na vila de Caión, están a ser obxecto dunha intervención dirixida a aumentar o confort higrotérmico do edificio e a mellorar a súa eficiencia enerxética.

As obras consisten na substitución das ventás e das portas por outras novas que faciliten a ventilación e, ao mesmo tempo, renoven a estética tanto interior como exterior destas instalacións de titularidade municipal.

No día de hoxe o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, acudiron ata Caión acompañados por persoal técnico municipal para interesarse polo desenvolvemento das actuacións que están actualmente en execución.

O proxecto suporá un investimento superior aos 30.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia ao abeiro da liña de axudas para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

O centro sociocultural da Insua foi o local de referencia para a realización de actividades na vila ata a apertura, hai agora un ano, do centro sociocomunitario. A día de hoxe continúa sendo empregado polas diferentes entidades de Caión, tanto culturais como deportivas.