Entre as visitas do programa destacan Alfaro, Bardenas Reales, Tudela, Pamplona, o Castelo de Olite, Logroño e unha bodega de Laguardia.
Corenta e sete veciños do municipio maiores de sesenta anos de idade, xubilados e pensionistas están a participar nesta semana nunha excursión por Navarra e A Rioxa. Forman parte da expedición o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.
No día de onte partiu o autobús que levou aos laracheses ata a localidade de Alfaro, lugar no que teñen o seu aloxamento. Hoxe visitaron o parque natural das Bardenas Reales, lugar no que se rodaron escenas da serie Juego de Tronos, e tamén Tudela, a capital da ribeira navarra. Mañá faranse visitas guiadas pola cidade de Pamplona e o Castelo de Olite. O xoves os destinos serán Logroño e Laguardia, localidade da Rioxa Alavesa na que visitarán unha bodega subterránea. O venres será a viaxe de regreso.
Esta excursión é organizada polo Concello co propósito de ofrecerlle a ese colectivo unha proposta cultural e recreativa para o aproveitamento do seu tempo libre e evitar a exclusión social que, ademais, lles permita coñecer esa zona do norte de España.