A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal dá un paso máis en materia de igualdade proporcionando conciliación nas tardes. O Espazo de Coidados Corresponsables trátase dun servizo municipal de balde e aberto a tódalas familias da Pobra que o requiran ao abeiro do Plan Corresponsables promovido polo Ministerio da Igualdade.
Xunto coa asesora xurídica á muller, María Pérez, e a axente de igualdade do Concello, Carolina Rodríguez, a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), explica que se trata dun “paso importantísimo” para facilita-la vida laboral e persoal de mulleres e homes ao tempo que se fomenta a correponsabilidade. O obxectivo é, polo tanto, “que tódalas familias da Pobra teñan un apoio no Concello para a atención dos seus pequenos”, remarca a edil.
Deste xeito, o municipio conta cun servizo de conciliación de luns a venres, pola mañá e pola tarde, ademais de nas fins de semana coa Pequetroula.
A dita iniciativa comezará a funcionar a partir da próxima semana, de luns a venres, en horario de 16.45 a 20.45 horas, nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras. Durante este tempo, a rapazada con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos asistirá a obradoiros de lectura, labores manuais ou xogos cooperativos, entre outras propostas, todas elas con perspectiva de xénero.
Nos vindeiros días entregaráselle ao alumnado dos centros educativos un díptico informativo que xa leva incorporada a folla de matrícula; documento que se deberá entregar cuberto no Departamento da Igualdade do Concello ou ás monitoras do Servizo de Madruga e Comedor.