Saturday 23 de November de 2024

O Consello aproba o proxecto de Lei de transparencia e bo goberno que situará a Xunta á cabeza de todas as administracións no que respecta ao libre acceso dos cidadáns á información


Feijóo afirma que esta nova lexislación supón un auténtico paso adiante na materia: indo máis alá da lei que ata agora estaba en vigor en Galicia e sendo tamén máis ambiciosa que a lei básica estatal, que entrará en vigor a finais deste 2015

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o Consello aprobou o proxecto de Lei de transparencia e bo goberno que situará a Xunta á cabeza de todas as administracións no que respecta á transparencia e ao libre acceso dos cidadáns á información.

Como lembrou o mandatario galego, esta normativa era unha das principais propostas incluídas no Programa de Impulso Democrático da Xunta, un programa composto por cinco leis e 50 medidas comprometido no Parlamento a principios de ano para reforzar a transparencia, a prevención da corrupción e a mellora da participación política.

Segundo engadiu, esta nova lexislación sobre transparencia e bo goberno supón un auténtico paso adiante na materia: indo máis alá da lei que ata agora estaba en vigor en Galicia e sendo tamén máis ambiciosa que a lei básica estatal, que entrará en vigor a finais deste 2015.

Así mesmo, esta lei facilitará aos cidadáns galegos máis información da que dispoñían ata agora e máis información da que obriga a publicar a nivel nacional, e faise por tres razóns fundamentais: para dar máis información accesible aos galegos, para garantir o máximo control posible sobre o réxime de incompatibilidades e para cumprir o compromiso de establecer unha completa regulación sobre o traspaso de poderes e o labor dos gobernos en funcións.

Máis transparencia
No relativo ao primeiro punto, Feijóo explicou que grazas a esta nova lei a cidadanía poderá atopar no Portal de transparencia unha ampla gama de información que, ata agora, nin a Lei de transparencia galega nin a Lei básica obrigaban a publicar, como son: a relación da normativa vixente, o inventario de entes dependentes da Comunidade Autónoma, todas as relacións de postos de traballo e cadros de persoal, o número de liberados sindicais e o custo que supoñen, os acordos reguladores das condicións de traballo dos empregados públicos e os convenios colectivos vixentes ou a relación de órganos colexiados adscritos a cada departamento e a súa composición.
Do mesmo xeito, tamén se informará sobre a situación financeira das contas públicas, é dicir, sobre a débeda pública da Comunidade, o tempo medio de pago das facturas no sector público autonómico, a relación dos bens de interese cultural da Xunta e o número dos vehículos do seu parque móbil, a composición das mesas de contratación e a información sobre a valoración das ofertas presentadas e todos os documentos de planificación urbanística.

Nesta liña, regúlase por lei o dereito cidadá de acceso á información pública. Así, seguindo as recomendacións das principais organizacións internacionais de defensa da transparencia, a maiores da lei estatal, regúlase a obriga da administración autonómica de prestar asistencia e orientación á cidadanía para o exercicio deste dereito. Do mesmo xeito, regúlase tamén atribución da resolución dos recursos contra as denegacións de información ao Valedor do Pobo.

Réxime incompatibilidades
No relativo ao control público sobre o réxime de incompatibilidades existente en Galicia, esta nova lei amplíao, estendendo a todos os altos cargos, e non só aos membros do Goberno, a obriga de publicar, tanto no momento do seu nomeamento como no momento do seu cesamento, a súa situación patrimonial.

Así mesmo, fai obrigatorio publicar a relación daquelas actividades que o alto cargo desempeñase nos dous anos anteriores a súa toma de posesión, introducindo tamén o deber de abstención nos asuntos que afecten ás entidades privadas nas que tiveran parte neses anos.

Ademais diso, introduce a obriga de que, durante os dous anos posteriores ao cesamento, as persoas que fosen altos cargos da Xunta de Galicia informen de calquera actividade que vaian realizar á Oficina de Incompatibilidades da Xunta, para que este informe sobre se esa actividade se axusta ao réxime de incompatibilidades. Cando esta oficina autorice esta compatibilidade, esa decisión farase pública.

Do mesmo xeito, introdúcese a regulación legal da existencia dun Código Ético Institucional, como o aprobado o pasado ano, que concreta os principios de conduta aos que os altos cargos deberán suxeitarse.

Regulación do traspaso de poderes
En terceiro lugar, Feijóo apuntou que a nova lei limita as actividades dos gobernos en funcións e a obriga de dar información durante o proceso de traspaso de poderes, polo que os gobernos en funcións non poderán enviar proxectos de lei ao Parlamento, autorizar convenios co Estado, coas entidades locais, nin con outras CC.AA., aprobar convocatorias de acceso ou provisión de postos de traballo públicos, aprobar ou modificar relacións de postos de traballo nin adquirir compromisos de gasto máis alá do gasto corrente ou das causas de urxencia debidamente acreditadas.

Na mesma liña, a nova lei establece tamén o que debe facerse para facilitar o proceso de traspaso de poderes, como que cada consellería elabore un informe de xestión no que se detalle a execución orzamentaria, os compromisos de gasto asumidos, as obrigas pendentes de pago ou os contratos e convenios vixentes.

Os ditos informes de cada departamento serán agrupados nun único documento e serán transmitidos do presidente saínte ao presidente entrante, garantindo polo tanto a debida información para que o novo goberno poida comezar a tomar decisións dende o primeiro minuto.
Por tanto, como sinalou Feijóo, o Consello aproba unha lei que vai permitir ofrecer aos galegos un mellor acceso á información pública e moitos máis datos dos que se estaba obrigado a dar ata agora; que os cidadáns saiban de onde veñen os cargos públicos, cal é o seu patrimonio cando chegan ao cargo e cando o abandonan e a onde van cando deixan as súas funcións; e restrinxir a capacidade dos gobernos en funcións e establecer o que deben facer nos traspasos de poderes.