Friday 22 de November de 2024

A plantilla da ORA recibirá formación en RCP e primeiros auxilios


Grazas á de colaboración con HM Hospitales, as e os traballadoras de SETEX-APARKISA recibirán formación para responder a emerxencias sanitarias na vía pública

O Concello da Coruña, a través da súa Concellería de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, formará nos vindeiros meses ao persoal traballador da ORA en reanimación cardiopulmonar (RCP) e primeiros auxilios. Grazas ao acordo acadado con HM Hospitales, os 30 traballadores de SETEX APARKISA recibirán formación de profesionais sanitarios en dita materia.

A iniciativa ‘Os minutos da vida’ foi presentada hoxe polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, que estivo acompañado por Pilar Múgica, directora médica de HM Hospitales en Galicia. Tamén asistiron José Luis Molinero, director de delegacións de SETEX-APARKISA, e Ana Trabada, xerente da delegación da Coruña de SETEX APARKISA. “Temos a necesidade de facer chegar a toda a sociedade técnicas e formación sanitaria que salven vidas. Todo traballador da Administración debe estar preparado para calquera circunstancia de emerxencia”, sinalou Díaz Gallego, que agradeceu a colaboración de HM Hospitales para levar a cabo o proxecto.