A Escola Galega de Administración Pública asumiu o reto de servir de nexo de unión entre a cidadanía e o Goberno a través da creación dun foro de debate para coñecer polo miúdo as modificacións producidas na Administración pública despois da crise económica
Nos últimos anos, a situación de crise económica vivida en España produciu cambios substanciais aos que a Administración pública e as leis que a regulan non foron alleas. Unha vez máis a EGAP asumiu ao reto de servir de nexo de unión entre a cidadanía e o Goberno a través da creación dun foro de debate que permita coñecer polo miúdo estes cambios e que foi inaugurado hoxe en Santiago de Compostela.
Durante dous días, o curso monográfico O Dereito administrativo da crise, organizado en colaboración coa Fundación Santiago Rey Latorre, analizará polo miúdo as principais novidades e modificacións formuladas sobre a estrutura, as competencias e a ética das administracións públicas no modo de prestar os seus servizos. A este encontro -no que pronunciarán relatorios grandes expertos en Dereito administrativo- asisten máis de cen empregados das administracións públicas de Galicia,das universidades, persoal do sector públicoe profesionais de distintos ámbitos.
O curso monográfico foi inaugurado esta mañá pola directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, que destacou a importancia desta actividade para facilitar a comprensión e o estudo dos cambios acaecidos nos últimos anos nun bo número de normas que incorporaron apostas innovadoras para mellorar o funcionamento do noso aparato administrativo.
Para a directora da EGAP esta profunda revisión da normativa obriga a realizar unha análise polo miúdo das principais novidades e modificacións formuladas sobre a organización e as actividades propias das administracións públicas, con especial énfase nas oportunidades e riscos de cambio en materias como a contratación pública, o réxime xurídico das administracións, o procedemento administrativo, a transparencia e o bo goberno, o emprego público ou as reestruturacións da Administración estatal e das administracións autonómicas e locais.
Nesta mesma liña pronunciouse Manuel Arenilla, director do INAP, que durante a inauguración resaltou o gran proceso de reforma que sufriu a Administración nos últimos anos, apoiado na Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA), e fixo fincapé na súa elevada capacidade de adaptación aos cambios.
O primeiro dos relatorios foi pronunciado por Ramón Parada Vázquez, catedrático de Dereito administrativo da UNED, que se centrou na reforma do Estado e nas reformas administrativas. A continuación Francisco Villar Rojas, catedrático de Dereito administrativo da Universidade da Laguna, tratou o principio de sustentabilidade financeira, facendo visible a necesidade dunhas finanzas públicas sustentables que eviten o endebedamento sen deixar de lado o servizo aos intereses públicos. As conferencias da mañá remataron coas explicacións de Manuel RebolloPuig, catedrático de Dereito administrativo da Universidade de Córdoba, sobre o principio de unidade de mercado e o seu reflexo nas normas administrativas.
A análise das novas políticas públicas continuará pola tarde cun estudo en profundidade dos conceptos de transparencia e bo goberno da man de Andrés Betancor, catedrático de Dereito administrativo da Universidade PompeuFabra.
A xornada de hoxe rematará cunha invitación ao debate ao redor dunha mesa redonda centrada nas reformas levadas a cabo na contratación pública, na que participarán a directora da EGAP como moderadora e Beatriz AllegueRequeijo, letrada da Xunta de Galicia; Juan José Pernas García, profesor titular de Dereito administrativo da UDC; Francisco Javier Vázquez Matilla, letrado do concello de Pamplona e membro do grupo de expertos en contratación pública da Comisión Europea, e Miguel Ángel Bernal Blay, profesor axudante de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza.
Segundo día do curso monográfico
As reformas do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo serán analizadas no primeiro dos relatorios do venres por Ricardo Ortega, catedrático de Dereito administrativo da Universidade de Salamanca. A continuación falarán Mariano López Benítez, cunha conferencia sobre a reestruturación da administración estatal e das administracións autonómicas; Jesús Fuentetaja Pastor, que analizará as medidas adoptadas en relación coa función pública a raíz da crise económica; e Juan Alfonso Santamaría, que falará sobre a reforma das estruturas locais.