Saturday 16 de November de 2024

O Concello abre a inscrición para o programa de actividades gratuítas ‘Maiores en boa forma’, que se levará a cabo nos centros cívicos da cidade


Ofertánse un total de 30 módulos, orientados a que as persoas de 60 anos en diante se acheguen a cuestións como as compras seguras por Internet, o uso de aplicacións móbiles e a escritura creativa, entre outras

Desde este martes, 18 de outubro, e ata o día 20, está aberto o prazo de inscrición para o programa ‘Maiores en boa forma’, que organiza a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá nos centros cívicos da cidade. Ofértanse un total de 30 monográficos gratuítos en sesións semanais de dúas horas, programados nos 15 centros cívicos municipais da cidade (Castrillón, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Feáns, Labañou, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Novoboandanza, Palavea, Os Rosales, San Diego e Sagrada Familia).

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, sinalou que se trata dun programa dirixido a persoas de 60 anos en diante que conta cuns contidos específicos para promover o envellecemento activo, a socialización, o desenvolvemento persoal e a actualización e mellora do manexo de novas tecnoloxías, entre outros aspectos de interese para esta franxa de idade.
“O concepto de persoa maior está a cambiar na nosa sociedade e programas coma este nacen do interese do Concello en que os veciños e veciñas da Coruña gocen dun envellecemento activo, que se poñan ao día en aspectos como as compras por Internet ou os riscos das redes e teñan oportunidades de socialización con actividades como o teatro e os paseos dinámicos”, sinalou Neira. “O programa está deseñado para fomentar o benestar destas persoas non só desde o punto de vista físico, senón tamén emocional, co que traballamos para combater os efectos que para a saúde mental pode ter a soidade non desexada”.

Os monográficos, dunha duración de dúas horas, están impartidos por persoal experto en cada unha das materias, que abranguen áreas tan diversas como as novas tecnoloxías, hábitos saudables e literatura. Desta forma, as persoas asistentes poderán achegarse a módulos de compras seguras por Internet, alfabetización dixital e o uso de aplicacións móbiles, así como de nutrición, danzaterapia e escritura creativa, entre moitas outras.

A inscrición, aberta desde hoxe, debe realizarse de forma individual en cada un dos centros cívicos referidos. As actividades comezarán a partir do vindeiro día 25 de outubro e prolongaranse durante un mes.