Dentro do programa de envellecemento activo impulsado dende as concellarías de Benestar e Terceira Idade, este curso levaremos a cabo, coa colaboración da asociación Afaber, nove obradoiros de memoria noutros tantos centros sociais do noso concello.
Coa finalidade de facilitar a participación da veciñanza de todo o concello, agrupamos as parroquias do seguinte xeito, aínda que cada persoa poderá anotarse para o grupo que queira, independentemente da parroquia na que resida:
• Lema-Vilela (centro social de Lema)
• Noicela-Rebordelos (centro social de Imende)
• Razo-Oza (centro social de Razo)
• Sofán-Aldemunde (centro social de Sofán)
• Verdillo-Bértoa (centro social de Verdillo)
• Sísamo-Cances-Goiáns (centro social de Sísamo)
• Ardaña-Artes (centro social de Ardaña)
• Rus-Entrecruces (centro social de Entrecruces)
• Carballo (Pazo da Cultura)
En Carballo xa está en marcha o curso, e en Sofán arrincará mañá mércores, pero as persoas interesadas en participar aínda poden anotarse chamando a Afaber (981 758 5 45 – 625 980 691). O prazo remata o 25 de outubro. A única condición para poñer en marcha os obradoiros é que haxa un mínimo de 10 inscricións. En cada un haberá 15 prazas, que se cubrirán por orde de solicitude.
Os cursos irán poñéndose en marcha a medida que se completen os grupos, e desenvolveranse ata o mes de maio do 2023. Con esta iniciativa, o Concello de Carballo pretende contribuír a que os nosos veciños e veciñas poidan permanecer activos durante máis tempo na sociedade. No noso concello hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos.