Saturday 16 de November de 2024

A exposición fotográfica “Os Camiños de Carlos Casares” pecha percorrido en San Sadurniño, onde permanecerá ata fin de mes


O fotógrafo Xurxo Lobato e Håkan Casares, fillo do escritor, abriron onte a mostra sobre os espazos vitais e literarios do escritor promovida pola Fundación Carlos Casares dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia

A Fundación Carlos Casares, no marco de actividades desenvolvidas durante a 3ª xeira do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, e coa colaboración Concello de San Sadurniño, inaugurou onte á tardiña a exposición fotográfica “Os Camiños de Carlos Casares”. A mostra recolle 40 fotografías de gran formato de Xurxo Lobato inspiradas en textos de Carlos Casares sobre o Camiño de Santiago e, en xeral, sobre a experiencia da viaxe. Pode visitarse nos horarios de atención ao público das oficinas municipais -de luns a venres entre as 8:30 e as 14:30h- e trátase dunha colección que xa percorreu as vilas de Mazaricos, Cervo, Muxía e Viana do Bolo, pechando a súa andaina en San Sadurniño, onde permanecerá até o luns 31 de outubro. Á apertura oficial da exposición asistiron o autor das imaxes, Xurxo Lobato, e Håkan Casares, fillo do escritor falecido hai 20 anos.

Casares cumpriu co rito da peregrinación á tumba do Apóstolo en 1992, percorrendo a pé o tramo galego do Cebreiro a Compostela dende o 8 ao 12 de outubro. Integraba un grupo variado de quince peregrinos, de diferentes idades, con profesións e orixes distintas, algúns dos cales non se coñecían antes do inicio da viaxe. Pese ao seu costume de compartir anécdotas na súa columna diaria de La Voz de Galicia, o escritor non deixaría referencia desta peregrinación, aínda que os artigos de “Á marxe” seguiron aparecendo puntualmente durante a viaxe, con outros temas e protagonistas. «Eu contei un milagre que vén no libro de Santiago e que trata dun cabaleiro que foi pechado no calabozo dun castelo, onde se encomendou ao Apóstolo para que o sacase de alí, o cal conseguiu, pero facendo que a torre se inclinase ata o chan para que puidese saír andando», escribiu o propio Casares na súa columna en La Voz.

Casares amaba Santiago de Compostela, cidade que o acolleu nos seus tempos de estudante universitario. Durante os últimos seis anos da súa vida, ademais, deulle o mellor despacho que un pode soñar, coas ventás abertas á fachada da catedral. Por iso non son escasas as referencias á cidade na súa obra, onde atopamos textos explícitos tanto sobre a súa dimensión física, ou xeográfica, como na dimensión mítica que lle conferira a inventio da tumba do Apóstolo.

Durante o primeiro ano da carreira, Casares viviu na Avenida de Raxoi, posiblemente a avenida máis curta do mundo, que arranca na praza do Obradoiro e remata, cen metros e pico máis alá, na Travesa de Fonseca, ao pé das escaleiras que conducen ao xardín do antigo Colexio. A contorna da catedral éralle familiar: a Torre Berenguela; a praza da Acibechería ou a basílica mesma. Tan familiar como o camiño á Facultade de Filosofía e Letras, en 1975 renomeada de Xeografía e Historia; a Quintana dos Mortos e os soportais das rúas. E máis alá, a Porta do Camiño e o Monte do Gozo. É dicir, a cidade real, pedras que sosteñen, dan forma e envolven a cidade mítica, que resulta invisible a primeira vista e xorde da auga e da luz, entre a chuvia e as sombras.

«A primeira vez que vin o mar foi nunha viaxe en tren, desde Ourense a Santiago por Redondela, alá polos anos corenta. Non recordo case nada, a non ser o asombro que me produciu. Co tempo, entre fantasías infantís e anacos de conversas escoitadas aos maiores, presumín diante dos demais nenos de que vira unha balea e centos de tiburóns. A realidade é que a miña nai aseguraba que viramos un par de delfíns». “Unha viaxe sentimental”, Á Marxe (8/07/1992)

A viaxe é un feito recorrente na vida de Carlos Casares. Dende a temperá relación con Suecia, por mor do seu matrimonio con Kristina Berg, ata os debidos aos frecuentes e variados compromisos profesionais. En consecuencia, o Camiño intégrase na súa vida como unha metáfora. Ambos os dous implican ilusión, silencios e reflexión; esforzo e renuncias. A propia viaxe obriga. Mais tamén invita ao contacto persoal, a compartir, a falar. Imposible evitalo cando, como no seu caso, conflúen a bondade e a intelixencia, sementadas de curiosidade, e mais a cortesía. «Curiosa vivencia esta da idade, que require unha peregrinación aos lugares do pasado para sermos conscientes de que os anos foxen e que o tópico de escritores e poetas resulta certo», escribiría.

Casares gustaba de perderse por vilas e cidades, pasear as rúas e camiñar os montes, observar as augas e o ceo dende areas e ribeiras. Sentar nun café, ver xente, falar sen présa e deitarse tarde. O mundo é grande e fermoso de sobra. Segundo el, incluso en Galicia se podía facer un mapa de reboticas célebres polas súas tertulias. En Ribadavia, por exemplo, estaba a de José María Chao, pai dun ministro da I República. En Ourense, a tertulia dos Temes na botica da Praza do Ferro. En Pontevedra, a de Perfecto Feijóo, no número 1 da rúa Michelena, que cando facía bo tempo se celebraba fóra da farmacia, nun banco de pedra que hoxe garda o Museo de Pontevedra.

Casares e Lobato, amizade e admiración mutua
Deste modo introduce a exposición o folleto explicativo que a acompaña, onde tamén se poden acceder a arquivos de audio sobre a mesma a xeito de complemento das fotos de Xurxo Lobato. O fotoxornalista e membro da Real Academia de Belas Artes descríbea como “unha homenaxe a un amigo que admiro moito, un grande escritor” que se expresa a través do Camiño de Santiago “onde el naceu, viviu e morreu”.

Segundo Lobato, a través das 40 imaxes colocadas milimetricamente seguindo códigos visuais e temáticos “facemos un percorrido por lugares vencellados á súa biografía e á súa literatura e, por suposto, aos camiños xacobeos. Xuntamos fotografía e literatura para manter vivo o espírito, a obra e o legado de Casares”.

Pola súa banda, Håkan -fillo máis vello de Kristina Berg e Carlos Casares, ademais de administrador da Fundación promotora da exposición-, fai unha semblanza do escritor describíndoo como “unha persoa moi observadora que trasladou parte do que el viviu á súa literatura. Creo que para calquera que se achegue aos seus escritos pode darse conta de como a interpretación do país forma parte da súa literatura como un dos principais recursos que utiliza”.

A figura humana e literaria de Carlos Casares planea sobre todas as fotografías coas que Xurxo Lobato lle rende tributo. Ambos coñecíanse de vello e tíñanse estima mutua, algo que tamén enfatiza o resultado da exposición. “Creo que o resultado é moi fermoso”, destaca Håkan. “Meu pai e Xurxo tiñan unha relación de amizade e de admiración mutua. Xurxo fala de meu pai como un grande escritor e meu pai falaba de Xurxo como un grande fotógrafo. Eu creo que esta interacción entre dúas persoas que se tiñan moito cariño e que son dous enormes artistas, deu un resultado magnífico”.