A 29ª edición de Womex (World Music Expo), o encontro de música folk e de raíz máis importante do circuíto internacional, terá lugar do 25 ao 29 de outubro na cidade da Coruña. Así se anunciou hoxe no Concello herculino, nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio económico da Xunta a unha nova celebración do evento na nosa Comunidade.
Será a terceira ocasión na que este encontro ─que inclúe unha ampla zona feiral e de networking, concertos en formato showcase, conferencias e proxeccións audiovisuais─ teña lugar en Galicia, despois de que Santiago de Compostela o acollera en 2014 e 2016. De feito, a colaboración da Xunta con Womex forma parte da súa política de proxección exterior para a música galega, estratexia que continuará esta mesma semana en Lisboa, onde a partir do mércores arranca Womex 2022 coa participación de doce empresas galegas representando a unha trintena de artistas e que poderán operar no expositor específico baixo a marca común GalicianTunes.