Unha representación da entidade fixo entrega dos colectores específicos que se instalarán no mercado municipal de abastos e no Fórum
Diversiplás é un proxecto promovido pola asociación Íntegro cun obxectivo medioambiental, que é a recuperación e valorización dos residuos plásticos coa finalidade de darlles unha nova vida, e outro social, que consiste na creación de oportunidades ocupacionais, terapéuticas ou laborais das persoas con diversidade funcional. Pero a iniciativa vai incluso máis alá, xa que permite crear unha rede de colaboración comunitaria na que cidadanía e institucións poden poñer o seu gran de area.
O Concello de Carballo vai ser unha desas institucións. Hoxe o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a directora do centro de recursos de Nantón, Noelia Barreira, e unha das usuarias, Jéssica Domínguez, achegáronse ata a casa do concello para facer entrega dos dous colectores específicos para este tipo de residuos que se van colocar no mercado municipal de abastos e no Fórum. No acto de entrega participaron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira Milagros Lantes.
Para utilizar os colectores é importante ter en conta os seguintes datos, xa que nin serven todos os plásticos nin poden depositarse de calquera xeito. Estas son as dúas normas básicas:
• Só poden depositarse envases que conteñan os números 2, 5 ou 6 dentro do símbolo da reciclaxe.
• Hai que eliminar as etiquetas e lavar os envases con auga e xabón. Se a eliminación dunha etiqueta pode supoñer un consumo excesivo de auga é mellor depositalo no colector amarelo.
Cando os colectores estean cheos, o Concello de Carballo avisará á asociación Íntegro para que acuda a retiralos. Os plásticos serán clasificados e transformados no taller habilitado por Íntegro nas súas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños). Co plástico recuperado crearanse novas pezas de todo tipo que serán entregadas ás entidades colaboradoras.