Friday 22 de November de 2024

O concello programa tres andainas de outono para todos os públicos


A inscrición, limitada a persoas empadroadas na Laracha, é gratuíta e xa está aberta.

O Concello abre a inscrición para participar no programa Andainas de Outono que inclúe tres rutas a realizar por espazos naturais de municipios próximos á Laracha co propósito de ofrecer á cidadanía unha alternativa de aproveitamento do tempo libre e, ao mesmo tempo, potenciar os estilos de vida saudables coa promoción da actividade física.

A primeira ruta será no río Sisalde do municipio de Arteixo este domingo día 23 de outubro. Trátase dun percorrido circular de sete quilómetros e dificultade baixa con inicio e fin na praia de Barrañán.

O domingo 13 de novembro farase a Ruta das Férvedas en Carballo, con inicio na Férveda de Rus e fin na capela de San Paio tras un percorrido de once quilómetros e dificultade moderada.

A terceira e última andaina será pola costa de Dexo, en Oleiros, o domingo 27 de novembro. O punto de inicio está previsto en Seixo Branco e o remate, na igrexa de Santa María de Dexo. A distancia é de sete quilómetros e a dificultade é baixa.

En todos os casos o autobús partirá desde a praza Les Sables d’Olonne da Laracha ás 9:30 horas, mesmo lugar ao que regresará ao remate da actividade.

A participación vai dirixida en exclusiva a persoas -de calquera idade- empadroadas no termo municipal da Laracha. As inscricións son gratuítas e xa poden formalizarse cubrindo o formulario que está dispoñible na web e redes sociais municipais, ou ben acudindo á Casa do Concello ou chamando ao 981605001.