Destacou que a cidade foi elixida entre aspirantes moi competitivos de toda Europa pola súa proxección como destino turístico, as súas infraestruturas culturais e a súa firme aposta como gran referente no ámbito da música
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que A Coruña será a próxima sede de Womex, o mercado profesional internacional máis importante das músicas do mundo e da diversidade, como así o recoñece a Unesco. Na presentación estivo acompañada por Alex Walter, director de Womex; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, e Xurxo Couto, deputado delegado de Cultura da Deputación da Coruña. En primeiro lugar, a alcaldesa agradeceu a aposta da organización
deste evento pola cidade, que se converterá na capital da world music en outubro de 2023, e
tamén o compromiso das administracións autonómica e provincial para apoiar esta iniciativa que lidera o Concello da Coruña. Womex realízase cada ano nunha cidade europea con proxección como destino turístico, capacidade estrutural para acoller grandes eventos e unha visión ambiciosa na súa política cultural. Inés Rey sinalou neste sentido que A Coruña reúne todas esas condicións e Womex constitúe unha oportunidade única para demostralo e por iso foi elixida entre aspirantes moi competitivos de toda Europa, “tanto polas nosas infraestruturas e equipamentos culturais como pola nosa personalidade e dimensión cosmopolita, pero tamén cómoda e amable”.
Precisamente o director de Womex, Alex Walter, salientou na súa intervención que A Coruña ten todo o que este grande encontro precisa, desde patrimonio cultural ata modernos equipamentos e espazos no centro da cidade, así como infraestrutura hoteleira, polo que augurou que Womex terá un impacto económico moi importante na Coruña.
A presentación oficial da Coruña como sede de Womex 2023 realizarase este domingo, 23 de outubro, na clausura da presente edición, que terá lugar en Lisboa, onde a cidade estará representada para promocionar a súa oferta cultural, equipamentos e espazos, así como o seu rico patrimonio arquitectónico, histórico e, como non, unha gastronomía de alta calidade.
A alcaldesa sinalou que con iniciativas como a presentada hoxe, A Coruña está retornando ao lugar que lle corresponde como unha das cidades españolas de referencia para acoller e promover eventos de toda índole a escala internacional, como xa se demostrou recentemente no cume hispano-alemán ou coa intensa programación musical do verán, coa que a cidade se afianzou como un dos grandes polos de atracción turística do norte de España e como unha cidade capaz de albergar grandes eventos que repercutan “no noso prestixio, reputación e visibilidade, e que eses valores se traduzan en xeración de riqueza, emprego e atracción de investimento”, salientou Inés Rey. Engadiu que Womex situará A Coruña de novo como un referente internacional, neste caso no eido da música e a diversidade cultural, contribuíndo a tecer novas redes para enriquecer a gran plataforma de multiculturalidade que é Womex. Womex 2023 congregará na Coruña durante unha semana arredor de 3.000 congresistas, que abranguen desde programadores, promotores, empresas discográficas e xornalistas nacionais e internacionais ata artistas chegados/as de todo o mundo no eido da música folk, de raíz, étnica ou tradicional. Trátase dun encontro que une economía e cultura, con intensas xornadas de networking combinadas con eventos e intercambios culturais a través de conferencias, concertos, proxeccións, show cases e encontros profesionais nun dos sectores máis influentes na cultura mundial.
O director de Agadic, Jacobo Sutil, destacou tamén a sua satisfacción por que Womex retorne a Galicia, tras case 30 anos nos que se realizou en destacadas cidades europeas. Salientou non só o que supón no ámbito da proxección da cidade no ámbito cultural e a oportunidade de internacionalización que supón para as e os artistas galegos, senón tamén o impacto económico que deixará na Coruña, estimado en torno a 2 millóns de euros, tendo en conta os resultados de edicións anteriores.
Pola súa banda, o deputado Xurxo Couto fixo fincapé na importancia de que A Coruña sexa a cidade que acolla este importante evento, para destacar que a Deputación colaborará en todo o posible para que acade o maior dos éxitos. “Este evento vai poñer a cultura galega no mapa mundial e todos miraremos á Coruña nesa semana de outubro”, salientou Couto, para avanzar que todas as administracións traballarán arreo para que acadar o máximo posicionamento e visibilildade.