Sunday 24 de November de 2024

Caramuxo Teatro ofrecerá en Neda o seu espectáculo “Redondo” aos máis pequenos da casa


O Concello programa este mércores dous pases, un pola mañá para os coles, e outro pola tarde na casa da cultura, para nenos/as de 6 meses a 4 anos e as súas familias, con entrada de balde previa retirada de invitación

A compañía Caramuxo trae a Neda este mércores o seu último espectáculo, titulado “Redondo”, e incluido no programa “O primeiro Xacobeo”. Está dirixido a nenos e nenas de entre 6 meses e 4 anos e as súas familias, e o Concello programará dous pases na casa da cultura. O primeiro, ás 12:30 horas, para o alumnado de Educación Infantil dos coles San Isidro e Maciñeira. Neste caso, e para facilitar a participación de todos os nenos e nenas, o Concello sufragará o transporte para o desprazamento dos estudantes de Maciñeira. O segundo, ás 18:00 horas, aberto ao público en xeral. Neste caso, a entrada é de balde, con retirada previa de invitación na Biblioteca. Pode facerse hoxe e mañá martes de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 h, e o mércores de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 17:30 h. Tamén se pode reservar o convite chamando ao 981 39 02 33.

“Redondo” é un espectáculo para a primeira infancia que xoga coas formas. A Mr. Round, o seu protagonista, fascínanlle todos aqueles obxectos redondos, os máis curiosos obxectos con forma de circunferencia. Un día, na súa incesante procura, atopará unha asombrosa esfera que agocha historias sorprendentes. Unha proposta visual, case sen palabras, para gozar en familia.