Friday 22 de November de 2024

A Xunta organiza na Coruña un curso de novas normas e obrigas na xestión integrada de pragas en viveiros e explotacións froiteiras, vitícolas e de horta


A formación desenvolverase ao longo de dúas xornadas cunha duración total de 10 horas e ten previsto comezar o vindeiro luns 24 de outubro

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar un curso na Coruña sobre as novas normas e obrigas na xestión integrada de pragas en viveiros e explotacións froiteiras, vitícolas e de horta. O taller, que ten previsto comezar o vindeiro luns 24 de outubro, desenvolverase no edificio administrativo Monelos ao longo de dúas xornadas cunha duración total de 10 horas.

O obxectivo desta formación é dotar aos alumnos dos coñecementos necesarios sobre as normas e obrigas que deben cumprir os operadores e formar aos asesores na documentación a elaborar para un correcto asesoramento. Tamén, pretende informalos sobre as novidades normativas en xestión integrada de pragas e enfermidades.

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 184 548, ou enviarse un correo a antonio.rivera.martinez@xunta.gal.