Friday 22 de November de 2024

A Xunta inclúe 27 barcos no censo de embarcacións tradicionais para reforzar a salvagarda das técnicas constructivas da carpintería da ribeira


— Teñen o seu porto habitual en Ferrol, Muros, O Grove, Oleiros, Ribeira, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa

— Coa posta en marcha deste rexistro o pasado mes de xullo, son xa medio centenar os barcos que se incorporaron nesta base de datos incluída entre as medidas de protección incluídas na declaración BIC destas técnicas

O Diario Oficial de Galicia publica a inclusión de 27 novos barcos ao rexistro de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, unha base de datos integrada no Censo de Patrimonio Cultural posta en marcha o pasado mes de xullo e que forma parte das medidas de salvagarda da Xunta para garantir o legado das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, Ben de Interese Cultural desde 2019. Con esta nova incorporación son xa 50 as embarcacións incluídas neste censo.

As embarcacións que se incorporan no censo teñen porto habitual en Ferrol, Muros, O Grove, Oleiros, Ribeira, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Tal e como establece o decreto de declaración BIC, estes bens deben ser anotados no censo correspondente para o coñecemento e difusión, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, estes bens deben ser anotados no censo correspondente.

Para estar incluído é preciso enviar a solicitude á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, desde onde se remiten ao órgano de xestión impulsado polo Goberno galego constituído por representantes da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari, en representación dos portadores e mestres carpinteiros), da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e da Federación Galega de Confrarías –estas dúas últimas en representación dos usuarios–, así como por un experto independente e outro de Portos de Galicia. Valóranse cuestións como a antigüidade, a autoría ou a correspondencia cos modelos tipolóxicos. Finalmente a Xunta, recollendo o parecer deste órgano, estima ou desestima a solicitude e notifícaa ás persoas interesadas.

A anotación no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia é voluntaria e corresponde á persoa ou entidade solicitante acreditar a natureza da embarcación e a súa consideración de embarcación tradicional galega segundo os termos indicados no decreto de declaración como Ben de Interese Cultural.