Friday 22 de November de 2024

O ciclo de conferencias da Xunta sobre María Casares contará este mércores con María Lopo e Borja Ortiz, especialistas na vida e obra da artista


— Doutora en Literatura francesa, ensaísta e tradutora, ela ten que entre os seus traballos a edición da correspondencia entre María Casares e o seu pai

— Pola súa banda, o dramaturgo ten ampla traxectoria no eido da produción teatral e na súa faceta de intérprete traballou en varios organismos internacionais

— O Museo de Belas Artes da Coruña acolle esta nova sesión o mércores 19 ás 19,30 horas, con entrada de balde

— A iniciativa rematará o vindeiro mes de novembro co último dos relatorios, no marco da conmemoración do centenario da artista

O ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa este mércores 19 coas intervencións de María Lopo e Borja Ortiz, ambos especialistas na vida e obra da artista, que impartirán diferentes relatorios no Museo de Belas Artes da Coruña ás 19,30 horas con entrada de balde.

A viguesa María Lopo é doutora en Literatura Francesa, ensaísta e tradutora. Ten publicados 10 libros e máis de 60 artigos, estudos e traducións nos que aborda, entre outros temas, as poesías bretoa e francófona, o surrealismo ou o celtismo literario. Como especialista na figura de María Casares, ten disertado sobre ela en numerosas ocasións, tanto en Francia como en Galicia, e mais leva publicado unha decena de artigos nos que se ocupa da súa vida e da súa obra. Dedicoulle o texto teatral O meu nome é María Casares (2007), adaptado para a escena por Sarabela Teatro. Tamén editou a correspondencia intercambiada co seu pai Santiago Casares Quiroga no libro Cartas no exilio (2008) e publicou a monografía sobre as súas conexións galegas O tempo das mareas. María Casares e Galicia (2016).

Pola súa banda, Borja Ortiz de Gondra graduouse en Dereito, Teatro e Tradución. Ao longo da súa traxectoria como dramaturgo obtivo, entre outros premios, o Calderón de la Barca, o Lope de Vega e o Max á Mellor Autoría Teatral e é seguidor da obra da artista. As súas obras representáronse en Arxentina, España, Francia, México ou Romanía e mais traducíronse a varios idiomas. Da súa produción teatral destaca a triloxía familiar integrada por Los Gondra (una historia vasca), Los otros Gondra (relato vasco) e Los últimos Gondra (memorias vascas). Nesta serie o autor explora as posibilidades da autoficción no teatro a través de obras sobre a súa propia familia. Na súa faceta de intérprete traballou en organismos internacionais e traduciu ao castelán literatura anglosaxoa e francesa. Residiu en París e Xenebra e na actualidade vive entre Nova York e Madrid.

Recta final do ciclo
Con estas conferencias o ciclo María Casares. Do exilio ao escenario entra xa na súa recta final despois de ter realizado distintas xornadas durante todo este ano protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada. Tras esta cita, o peche porano en novembro o músico Pedro Soler, que acompañou a María Casares en varias ocasións nas súas producións, e a catedrática María Delgado.

Xunto a estas propostas, a programación da Xunta nesta conmemoración ofrece durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorren toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego participan numerosas entidades e institucións de distintos territorios como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.