A carreira celebrouse esta tarde baixo o lema ‘Corre por un mundo imperfecto’
Centos de persoas se achegaron esta tarde á Mariña a pesar da chuvia para participar na novena edición da carreira ENKI, organizada pola Fundación Abrente coa colaboración do Concello da Coruña xunto con outras entidades e institucións.
A alcaldesa, Inés Rey, tomou parte na saída, acompañada da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira. “Hoxe fai un día moi coruñés, un día perfecto para correr por un mundo imperfecto na carreira ENKI” sinalou a rexedora.
A carreira ENKI nesta edición tiña por lema ‘Corre por un mundo imperfecto’ e destinará o 100% do diñeiro recadado coas inscricións a entidades sociais e proxectos que promoven dunha forma efectiva a incorporación ao deporte das persoas con diversidade funcional.
A carreira consistiu nun circuíto de obstáculos adaptados cuxo percorrido, de 2,46 quilómetros, que tivo como punto de chegada a Praza de María Pita. Realizáronse catro saídas graduadas en función da cor do dorsal, con intervalos de 30 minutos entre elas.
Ademais das probas deportivas, o programa completouse con diferentes actividades e o espazo de solidariedade Entidades en Movemento que ten por obxectivo sensibilizar e concienciar a cidadanía sobre a súa realidade a través de xogos abertos a todos os públicos.