Saturday 16 de November de 2024

Novo obradoiro para familias para a crianza na adolescencia


O luns 17 de outubro ábrese o prazo de inscrición para un novo obradoiro do programa Familias Inquedas dirixido ás familias con adolescentes. Será un obradoiro de 16 horas, dividido en 8 sesións de dúas horas cada unha delas, en formato presencial que se desenvolverá en Villa Echeverry.

O Obradoiro “Acompañando á adolescencia” está dirixido a familias veciñas de Oleiros con menores de 11 a 17 anos de idade. As sesións serán nas seguintes datas: 3, 8, 15, 17, 22, 24 e 29 de novembro e o 1 de decembro en horario de 19:00 a 21:00 h.

As inscricións serán na web municipal www.oleiros.org a través da sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas/trámites online, a partir do luns 17 de outubro ás 10:00 h e ata o xoves 20 de outubro ás 23:00 h.

O número de prazas é limitado, 15 prazas (individuais), que se asignarán por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencias as persoas que non participaron nesta actividade en anos anteriores.

As sesións serán impartidas por Sara Vierna, de Almas Meraki, profesional con ampla experiencia en traballar con adolescentes e familias temas de educación emocional, Igualdade e novas tecnoloxías.

Este tipo de obradoiro enmárcase dentro da estratexia de desenvolvemento comunitario de boas prácticas na educación e na crianza no entorno familiar, cun enfoque preventivo de conflitos familiares e de problemáticas que poidan xurdir nos fogares de Oleiros.

O contexto actual fai máis necesario que nunca traballar a convivencia e a comunicación na familia, no que a pandemia deixou un pouso de desánimo, desmotivación e apatía na adolescencia. O impacto que provocou en etapas vitais do seu crecemento, sobre todo na parte emocional.

Neste obradoiro ofrecemos ás familias un espazo onde reflexionar conxuntamente sobre estes novos escenarios, así como adquirir ferramentas e estratexias para afrontalos, fomentando o desenvolvemento emocional, así como a comunicación sana, fluída e honesta, desde un perspectiva empática.

O Concello de Oleiros segue a apostar por estas actuacións de calidade para as familias, nas que se oferta unha educación consciente que apoia e permite medrar, tanto a adultos como a menores, nunha boa convivencia na que o diálogo estea sempre presente.