Friday 22 de November de 2024

Os trens turísticos de Galicia saldan a súa novena edición cun 95% de ocupación media nas súas 13 rutas


 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe nunha ruta dos Trens turísticos de Galicia e fixo balance dos resultados da novena edición

 As novas rutas engadidas nesta edición, a Ruta dos Queixos e a Ruta das Mariñas, acadaron unha ocupación media do 99 e o 100 % respectivamente

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no tren turístico da Ruta dos Queixos de Galicia e, posteriormente, nunha rolda de prensa na que, xunto a Félix Martín, director de desenvolvemento e deseño de novos produtos de Renfe Viaxeiros, fixeron balance dos resultados da novena edición desta iniciativa.

Nesta edición dos Trens turísticos de Galicia, foron 13 os roteiros ofertados mediante os cales os participantes puideron achegarse ao punto máis setentrional da Península Ibérica, asomarse a un dos cantís máis altos de Europa, visitar pazos e xardíns de camelias, gozar da viticultura heroica, visitar o Versalles galego, achegarse aos mosteiros medievais de Galicia, coñecer os camiños de Santiago, degustar os deliciosos queixos galegos ou descubrir os segredos da zona das Mariñas.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor o éxito desta iniciativa que acadou máis do 95 % de ocupación media nesta edición. Neste senso, Nava Castro destacou que 37 trens percorreron case 9.000 quilómetros durante as 13 rutas e descubriron aos participantes visitas e actividades turística en ata 50 concellos da nosa Comunidade.

En relación ás dúas novas rutas engadidas nesta edición, a Ruta dos Queixos e a Ruta das Mariñas, destacou a boa aceptación que tiveron por parte dos viaxeiros, cunha ocupación do 99 e o 100% respectivamente.

Neste senso, Castro destacou o éxito da iniciativa e a importancia da mesma, xa que coincide cun modelo turístico de calidade, familiar e de tranquilidade ,unha proba máis de que “Galicia está a deseñar as novas estratexias turísticas de futuro baseadas na sustentabilidade e a excelencia”.

Os Trens turísticos de Galicia remataron a súa novena tempada da man da Xunta, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), que puxeron en marcha esta iniciativa no ano 2013.