Un outono máis, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal viviu a inauguración das xornadas en homenaxe ao prolífico intelectual na súa vixésimo cuarta edición. A apertura da exposición dos traballos presentados ao I Concurso de Carteis das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán no venres 14 supuxo o inicio desta convocatoria na que converxen cultura e educación, segundo manifestou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE). A mostra abriuse ao público na sala Iconografía Contemporánea e está composta polas 17 obras presentadas xunto con carteis promocionais de anteriores anos. No acto, amenizado pola Escola de Música da Pobra, fíxose entrega do premio a Sara Martínez Narváez, autora da lámina gañadora para a divulgación deste evento; reprodución que se lle entregou como agasallo ás persoas asistentes ao coloquio que tivo lugar posteriormente no Auditorio.
No simposio Valle-Inclán, un escritor de éxito?, o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina debullou as distintas fases que asumía o seu antepasado na publicación dun libro, pois, ademais de escritor, exerceu sempre como o seu propio editor agás nun par de volumes. A proxección de exemplares de xornais da época e libros de contas refrendaron a explicación ofrecida. Ademais, non só vendía a través de libreiros de Madrid, senón tamén dunha editorial barcelonesa e da prensa carlista, nomeadamente, El Correo Español. Un exemplo das principais distribuidoras empregadas polo literato a partir de 1912 é Librería de Perlado, Páez y C.ª Sucesores de Hernando, levando o 50% da comisión, o que se traducía nun ingreso económico significativo naqueles tempos.
A programación esténdese ata finais de outubro con diversas actividades para tódolos públicos que culminarán no día 29 coa tradicional ofrenda cívica.