32 alumnas e alumnos do último curso da Facultade de Ciencias Xeolóxicas da Universidade Complutense de Madrid encóntrase visitando durante estes días a zona de Cabo Ortegal como parte da súa formación académica. Chegaron a Espasante o día 12 e permanecerán aquí até o domingo, co obxectivo de ver, rexistrar e analizar as estruturas e materiais da sección costeira do complexo xeolóxico que lle dá nome ao noso proxecto de xeoparque, un dos mellores lugares do mundo para comprender o ensamblado e posterior separación do supercontinente Panxea. A expedición forma parte das estadías anuais e investigacións que vén desenvolvendo a UCM desde hai máis de 40 anos, das que saíron boa parte dos estudos científicos utilizados como aval para presentar a candidatura a xeoparque perante a UNESCO.
O grupo de estudantes, encabezado polo catedrático Ricardo Arenas e o profesor Jacobo Abati, foi recibido este xoves á tarde na Casa do Concello de Cariño polo alcalde e presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque de Cabo Ortegal, José Miguel Alonso Pumar, quen ademais de darlles a benvida tamén lles explicou o contido do proxecto de xeoparque e, principalmente, como se relacionan nel a exclusividade xeolóxica e os programas de desenvolvemento sostible baseados no coñecemento, o turismo, a cultura e a posta en valor das potencialidades locais.
Ao longo dos cinco días en que permanecerán no territorio, o alumnado e os dous coordinadores da expedición teñen unha axenda ben apretada para visitar todos aqueles puntos que ofrezan a visión máis precisa posible do Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal, unha zona clave “para a investigación sobre como se formou Panxea, o último grande supercontinente, e tamén Panthalassa, o grande mar que o rodeaba”, explica o catedrático e profesor de Petroloxía e Xeoquímica da UCM, Ricardo Arenas.
Alén de recrearse “nunha paisaxe espectacular”, os 32 futuros xeólogos e xeólogas desenvolven tarefas de campo coas que poñen en práctica coñecementos teóricos aprendidos nas aulas, ao tempo que ven sobre o terreo os signos sobre o comportamento da Terra nun período comprendido entre hai 450 e hai 350 millóns de anos, cando os subcontinentes preexistentes completaron a súa integración en Panxea. “Aquí, en tres ou catro días podemos ver 100 millóns de anos de cambios e evolución da Terra”, comenta Batula Mohamed, estudante de último ano de orixe sudanesa que forma parte do grupo canda outras alumnas e alumnos tanto españois como doutras nacionalidades.
A diferenza das xeorrutas ofrecidas durante o verán -centradas en nocións básicas sobre a xeoloxía local para público xeral- neste caso trátase dun percorrido de varios días cunha “finalidade científica” na que o alumnado da Complutense “está aprendendo como se traballa sobre o terreo” precisa Ricardo Arenas. “Neste caso non ensinamos xeoloxía tomando como exemplo Cabo Ortegal, senón que vimos ensinar a propia xeoloxía do Complexo de Cabo Ortegal, que vexan como se orixinou e cal é a súa estrutura actual”.
A este respecto, Eduardo Novo -alumno portugués que tamén estuda na Facultade de Ciencias Xeolóxicas da UCM- incide en que o percorrido pola marxe costeira do complexo xeolóxico lles permite “tocar e entender” o coñecemento adquirido nas clases, ademais de verse nun contexto de traballo real: “planificamos o día de campo con mapas xeolóxicos e outra información e logo estudamos sobre o terreo a litoloxía, as estruturas, as texturas e o interese dos minerais desde un punto de vista científico, e incluso do posible interese que puidese ter a súa explotación. Recollemos moitas mostras que despois analizaremos”.
A expedición didáctica e científica da Complutense estivo onte na zona co cabo que lle dá nome ao proxecto, onde coincidiu cun grupo alemán no que se encontraba Holger Lieberwirth, director do Instituto de Maquinaria de procesamento de Minerais da Universidade de Freiberg, tamén de visita pola zona, con quen intercambiaron contactos e información sobre o complexo e sobre o proxecto de xeoparque.
E é que, tal e como destacou Ricardo Arenas, “a Cabo Ortegal veñen expertos de todo o mundo” pola súa excepcionalidade xeolóxica, na que destaca a posibilidade de observar en superficie materiais que habitualmente están nas capas superiores do Manto terrestre -a aproximadamente 70 km de profundidade- e que, ademais, testemuñan períodos xeolóxicos como o da formación da grande Cordilleira Varisca orixinada pola unión de Panxea (o Complexo de Cabo Ortegal conta con varios lugares de interese xeolóxico internacional por esta razón) ou o fenómeno da Oroxenia Alpina, iniciado a raíz da desintegración do supercontinente.
A exclusividade do complexo foi obxecto de numerosas investigacións internacionais desde os anos 60 do século pasado e, ademais, é visita obrigada de carácter académico e científico para a Facultade de Ciencias Xeolóxicas da Universidade Complutense de Madrid. “Venimos todos los años desde 1980”, asegura Ricardo Arenas, quen encabeza nesta ocasión o grupo de alumnas e alumnos da asignatura de Xeoloxía do Basamento, cuxa parte práctica se desenvolve integramente no Complexo de Cabo Ortegal.
Durante a xornada de hoxe o equipo percorreu o Geosite da Península de Masanteo -zona oeste da Ría de Ortigueira-, Cariño, Garita de Herbeira e Campo dos Carrís. Mañá sábado estarán ocupados en facer traballos de cartografía en Cedeira e Santo André de Teixido. O domingo marchan de regreso para Madrid.