Friday 22 de November de 2024

O Concello homenaxeará ás persoas voluntarias da catástrofe do ‘Prestige’ que se aloxaron en Camariñas


· A administración local instalará unha lona xigante na Lonxa Vella e dúas placas conmemorativas na Casa de Pedra, que foi o seu fogar durante eses días.

O Concello de Camariñas, con motivo do vinte aniversario da catástrofe do Prestige que se conmemorará o próximo 13 de novembro, decidiu facer unha homenaxe aos centos de voluntarios e voluntarias que limparon o litoral e que se aloxaron no municipio.

Así, para recoñecer a súa figura e poñer en valor o espectacular traballo que levaron a cabo, o goberno local instalará unha lona xigante na fachada da Lonxa Vella na que se ilustra, a través dunha fotografía do fotógrafo José Manuel Casal, un dos momentos da limpeza da costa.

Ademais, tamén se colocarán dúas placas conmemorativas na Casa de Pedra, edificio que foi o fogar das persoas voluntarias durante eses días, nas que, por unha banda, se recoñece a súa labor e, pola outra, se detalla a súa procedencia.