Friday 22 de November de 2024

O Concurso Fotográfico de Micoloxía incrementa a contía dos premios na súa sexta edición


Tempo de outono, tempo de cogomelos, polo cal A Pobra do Caramiñal bota a andar por sexto ano consecutivo o concurso fotográfico ó abeiro das Xornadas Micolóxicas, coa finalidade de contribuír á divulgación da micoloxía, á valoración e ó respecto polos recursos naturais e o medio ambiente, segundo expuxeron a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a técnica municipal desta área, Beatriz González.

O certame aumenta neste 2022 o importe dos premios, que consistirán en vales de compra no comercio local. Establécense tres distincións dotadas de diferentes contías, que suman un total de 750 euros.

Existe un prazo único de matrícula, realización e entrega das fotografías que abrangue do día 14, ás 15.00 horas, ata o día 26 de outubro, ás 23.59 horas. A inscrición e o envío das imaxes realizarase mediante o enderezo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com, no cal debe figura-lo nome, os apelidos e o teléfono de contacto. Unha vez recibidos eses datos, remitirase pola vía electrónica a tarxeta de participación.

Admítense unicamente dúas obras por cada participante. Cada unha debe constar de dúas instantáneas: a identificativa, onde se vexa a dita tarxeta de participación, e a de participación anónima, que será obxecto da valoración. As imaxes presentadas formarán parte dunha futura exposición que abrirá ó público na casa da cultura Raquel Fernández Soler.

O xurado emitirá o seu ditame e as persoas gañadoras serán nomeadas por unha resolución da Alcaldía, que se publicará no Facebook do Medio Ambiente e na páxina web municipal, ademais de seren avisadas polo correo electrónico ou teléfono de contacto.

As bases completas están ó dispor en www.apobra.gal.