Saturday 16 de November de 2024

A alcaldesa de Lousame fai un chamamento “a incrementar a vixilancia no municipio” para “evitar que nos sintamos inseguros e esteamos con medo nas nosas vivendas”


Solicita unha reunión co delegado do Goberno en Galicia para trasladarlle a oleada de roubos que se veñen producindo no municipio dende o verán e que esta semana chegou a varias vivendas de Tállara

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, fixo esta mañá un chamamento ás forzas de seguridade “a incrementar a vixilancia nesta zona porque xa non podemos agardar máis”. Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Villaverde Pais explicou que “os medios que temos son insuficientes” e “como alcaldesa e como veciña teño a obriga de evitar que nos sintamos inseguros e esteamos con medo nas nosas propias vivendas”.

Por iso, a alcaldesa lousamiá vén de enviarlle unha petición de reunión do delegado do Goberno en Galicia “para que tome conciencia do que está a suceder aquí” e coñeza “a inseguridade que están sentindo os veciños preto das súas vivendas”. Neste sentido, Teresa Villaverde lembrou que que “levamos xa un tempo que hai pequenos e non tan pequenos roubos pero ultimamente, dende o verán e sobre todo neste último mes, todo se vai incrementando”.

Aumento da frecuencia dos roubos

Todo comezou con roubos repetitivos de gasóleo nos vehículos públicos e noutros vehículos que aparcaban nas proximidades do Concello, na localidade de Portobravo. A principios do verán, roubouse o remolque do Concello e ese mesmo día “un chalé nas inmediacións que estaba recén construído e que acababan de amoblar e poñer os electrodomésticos, o baleiraron totalmente”.

A partir de setembro, os roubos trasladáronse á parroquia de Tállara onde, a mediados de mes roubaron nun estanco, onde se levaron todo o tabaco e elementos de valor que estaban á venda. Tamén entraron en varias igrexas, forzando algunhas fiestras para ver se había cartos, “e agora pasaron ás vivendas privadas”, denuncia Teresa Villaverde.

Así, na madrugada do 11 ao 12 de outubro, descoñecidos entraron nunha vivenda de Tállara mentres a súa propietaria, unha persoa de avanzada idade que conta con xente que a coida durante o día, durmía na súa habitación. “Espertou e tiña o armario coas cousas ciscadas polo chan, os caixóns baleiros e ata a mesiña de noite. Roubáronlle cartos e pertenzas de valor”, relatou a alcaldesa.
Ese mesmo día, entraron noutra vivenda da mesma parroquia aproveitando que o matrimonio saíra desfrutar do festivo. “Ademais, houbo intentos de forzar pechaduras en varias vivendas pero non conseguiron entrar”, explicou Villaverde Pais, quen destacou que “créase unha sensación de inseguridade e de estar desamparados”.

A Garda Civil xa está facendo as investigacións pertinentes, pois hai cousas especialmente chamativas como o feito de que a veciña de Tállara tiña unha alarma moi completa pero estaba desactivada de dous días atrás. “Despois de oír no Día da Hispanidade discursos de que tiñamos moitos máis efectivos, eu quero ver esa xente neste concello porque o necesitamos”, concluíu a alcaldesa de Lousame.