A alcaldesa puxo en valor os deportes urbanos como a escalada, o parkour ou o break dance que pasarán a ser olímpicos nos vindeiros xogos
A alcaldesa, Inés Rey, estivo esta mañá no Parrote para supervisar a instalación dos Street Games, unha cita de referencia nos deportes urbanos. “Esta fin de semana contaremos cun cento de deportistas de alto nivel procedentes de diferentes países, que se achegan á Coruña para participar de novo nos Street Games” sinalou.
A rexedora celebrou o regreso das xornadas á cidade despois de tres anos de ausencia pola pandemia. “Os Street Games volven con forza e cunha gran novidade, pois chega á Coruña o primeiro muro de escalada flotante do mundo, protagonista absoluto desta fin de semana” explicou. A plataforma estará atracada na Dársena do Parrote e contará con dúas modalidades. Por un lado, un muro de velocidade de 20 metros de altura no que se desenvolverá o Open de velocidade o sábado ás 12.00 h; e polo outro, o coñecido como Psicoblock, unha estrutura que tivo un grande éxito nas edicións anteriores e que nesta edición acollerá Psicoblock máster series ás 21.00 h.
Tamén haberá talleres e exhibicións de bailes urbanos abertos á cidadanía, así como actuacións musicais e DJ’s. “Queremos poñer en valor deportes urbanos como a escalada, o parkour ou o break dance que pasarán a ser olímpicos nos vindeiros xogos, demostrando que A Coruña é unha cidade sempre aberta e cunha oferta deportiva para todos os públicos” concluíu.