Este sábado 15 de outubro aparece sinalado no calendario de celebracións mundiais como Día Internacional das Mulleres Rurais. Unha data para volver poñer o acento sobre as desigualdades de xénero e as diferenzas entre países ricos e países pobres, que son aínda máis acusadas nas contornas rurais e que lle afectan sobre todo ás mulleres e nenas, e máis aínda en contextos de crise mundial como o que se vive neste momento. En San Sadurniño o día -e a mensaxe- vaise celebrar coa presentación na Casa da Cultura -19:00h- de “Tabú”, última montaxe de narración oral de Carmen Conde. Ao seu remate tamén se dará a coñecer o proxecto expositivo “Mulleres da Galicia máxica” composto por 17 fotografías protagonizadas por preto de 130 mulleres de San Sadurniño.
“Tabú” é o novo espectáculo de narración oral de Carmen Conde, froito das conversas con mulleres de entre 70 e 95 anos de distintas zonas rurais de Galicia sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Son casos e historias recollidas ao longo de medio ano percorrendo o Valmiñor, no Morrazo, o Courel, na Mariña de Lugo, na Costa da Morte e no Couto Mixto que nos transmiten vivencias de confusión, de descoñecemento, de amor, de picaresca e de sexualidade experimentada nuns casos de maneira desexada e noutros de forma inesperada e mesmo cruel.
Conde consegue facer aflorar as intimidades de mulleres “que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos nós hoxe: fillas do tabú”. Cunha escenografía mínima -representada cun tendal cheo de prendas que é metáfora desas intimidades postas a clareo-, durante 90 minutos irán sucedéndose a oralidade e a música, interpretada por Nastasia Zürcher ou Su Garrido Pombo.
Poderemos asistir ao espectáculo “Tabú” de Carmen Conde e Tarabela Creativa este sábado 15 de outubro a partir das 19:00h na Casa da Cultura con entrada libre.
Presentación de “Mulleres da Galicia máxica”
Ao remate da montaxe escénica, as áreas de Igualdade e Cultura presentarán o proxecto expositivo “Mulleres da Galicia máxica”, composto por 17 fotografías captadas nas últimas semanas en distintos puntos de San Sadurniño pola concelleira de Igualdade e fotógrafa profesional Araceli Bellas.
Bellas e máis a titular de Cultura, Amparo Calvo, convocaron un total de 127 mulleres de todas as parroquias para tirar instantáneas informais en lugares que non son necesariamente os máis coñecidos, co obxectivo de reflectir en imaxes “a maxia dos espazos e a maxia da muller, creadora e sostedora de vida, matriarca, e máis aínda no rural”, comenta Calvo.
Ademais, segundo explican as responsables da iniciativa, o propio momento de xuntárense para facer instantáneas “foi tamén máxico”, xa que neses breves encontros para as sesións de fotografías “roubadas, non posadas” as participantes contaron contos e anécdotas, cantaron, bailaron “e mostráronse como son elas mesmas”. “Cada foto ten unha intrahistoria pola contorna en que se tomou e polo que transmiten as súas protagonistas. Algo que pensamos que se vai translucir na exposición”.
O sábado á tarde na Casa da Cultura presentarase o cartel da exposición, non a mostra en si, que iniciará o seu percorrido polos distintos locais sociais do Concello o día 12 de novembro facendo a súa primeira parada en Lamas, onde permanecerá até o día 20 do mes que vén. Ademais, as xornadas de apertura en cada lugar irán acompañadas de diversos obradoiros dos que tamén se dará conta na presentación do sábado.
15 de outubro, Día Internacional das Mulleres rurais
O Día Internacional das Mulleres rurais foi celebrouse por primeira vez o 15 de outubro de 2008. As Nacións Unidas estableceron a data como maneira de recoñecer “a función e contribución decisivas da muller rural, incluída a muller indíxena, na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, a mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza rural”. A declaración pretende, en último caso, implicar aos gobernos e á sociedade en xeral na aplicación de medidas conducentes a mellorar a súa calidade de vida “investindo nelas, buscando o seu empoderamento político e socioeconómico e apoiando a súa participación plena e igualitaria na toma de decisións a todos os niveis”. Obxectivos que, ademais -e segundo relaciona a ONU- “son ingredientes fundamentais na loita contra a pobreza extrema, a fame e a desnutrición”.
A convocatoria deste 2022 fai unha chamada de atención sobre o feito de que o incremento mundial do custe da vida prexudica principalmente ás mulleres e nenas que viven en zonas rurais, acentuando desequilibrios e desigualdades. As Nacións Unidas estiman que se as mulleres rurais tivesen o mesmo acceso que os homes aos recursos, a produción agrícola nos países en desenvolvemento “aumentaría entre un 2,5 e un 4% e o número de persoas desnutridas no mundo diminuiría aproximadamente entre un 12 e un 17%”.
Esta proxección estatística bate, porén, coa realidade de que as mulleres que viven en contornas rurais enfróntanse a unha “discriminación significativa no que respecta á propiedade, a remuneración, a capacidade decisoria e o acceso aos recursos e mercados”. E a situación, lonxe de mellorar, viuse empeorada polo actual contexto de crise, “que non fixo máis que intensificar as disparidades de xénero, provocando taxas de inseguridade alimentaria, desnutrición e pobreza enerxética”.
Tal e como manifesta a ONU, “as interrupcións da subministración de petróleo, gas e materias primas, xunto cos vertixinosos prezos dos alimentos, o combustible e os fertilizantes, provocaron unha crise do custe da vida que ameaza a subsistencia, a saúde e o benestar das mulleres, especialmente das rurais” e, neste sentido, a convulsión socioeconómica planetaria tamén é caldo de cultivo para “os aumentos alarmantes da violencia de xénero” e outros problemas que ameazan a saúde física e mental de millóns de mulleres e nenas.
Por esta razón, a ONU celebra o 15 de outubro baixo o lema “As mulleres rurais enfróntanse ao incremento mundial do custe da vida” pedindo que non se esquezan as súas demandas, que se aprecie o seu labor como subministradoras de alimentos e servizos nas zonas menos desenvolvidas e que se sigan reivindicando zonas rurais nas que as mulleres poidan contar coas mesmas oportunidades que os homes.