A mostra remata este venres a súa estadía en San Sadurniño, onde permaneceu desde primeiros de setembro
Na galería municipal inaugurarase o luns ás 19:30h o proxecto fotográfico de Xurxo Lobato “Os Camiños de Carlos Casares”
A exposición sobre o XX aniversario do filme de animación 3D “O bosque animado” finalizará mañá a súa estadía en San Sadurniño para cederlle o espazo da galería do Concello á mostra fotográfica “Os Camiños de Carlos Casares”, que se inaugurará o luns ás 19:30h. Porén, as actividades en relación coa película aínda van continuar ata mediados da semana que vén redescubríndolla de diversas maneiras ao alumnado do CPI de San Sadurniño. Hoxe pola mañá pasaron pola exposición as cativas e cativos de 5º de Educación Primaria que integran o proxecto LÓVA -La Ópera como Vehículo de Aprendizaje- e pola tarde farán o propio os alumnos e alumnas de 1º da ESO. Como guía da visita tiveron a quen mellor coñece a xénese e posterior vida mundial de “O Bosque animado”, o seu produtor e codirector Manolo Gómez.
Antes da visita guiada, Gómez ofreceulle tanto ao grupo de 5º de Primaria como ao de 6º unha clase maxistral na escola sobre como se fai unha película de animación e, nomeadamente, como fixeron na produtora Dygra unha película de animación por ordenador e en 3D que supuxo todo un fito en Galicia e a nivel europeo. De feito, “O Bosque animado” foi o primeiro filme deste tipo que se produciu en Europa, utilizando a mellor tecnoloxía á que a empresa podía acceder naquel momento e botando man de moita imaxinación para atopar solución aos múltiples retos que foron aparecendo no camiño.
Inspirada na novela homónima escrita nos anos 40 do século pasado por Wenceslao Fernández Flórez, a película lanza unha mensaxe ambiental por medio dunha fábula protagonizada por dúas toupas e outras criaturas do bosque, ademais dos temibles Señores D’Abondo que habitan un grande pazo e que son contrapunto malvado de todas as aventuras que se suceden neste bosque tan animado.
O filme estreouse con grande éxito en 2001 e iniciou a súa andaina internacional ao ano seguinte. Trala súa estrea converteuse nunha das 10 películas que máis recadaron nos cines españois e en 2002 foi a produción máis vendida en DVD en todo o Estado, ademais de coilleitar dous premios Goya e outros 20 galardóns internacionais. En 2003 foi preseleccionada aos Premios Óscar de Hollywood e, durante os seus primeiros anos, acudiu a máis de medio cento de festivais, dobrouse a 21 linguas, vendeuse a 66 países – só en Europa vírona no cine máis dun millón de persoas- e mesmo tivo case 100 produtos de “merchandising”.
E todo feito desde A Coruña cun equipo galego e contando unha historia en clave galega pero cunha linguaxe universal que o público soubo apreciar, tal e como testemuña o feito de que a súa vida no mercado do vídeo doméstico proseguiu durante varios anos con boas vendas dentro en fóra de España.
A exposición que se inaugurou a principios do mes de setembro -cadrando co Chanfaina Lab- permanecerá ata este venres na galería da Casa do Concello, aínda que as actividades arredor do filme continuarán até o día 19. O luns 17 ao mediodía proxectarase na Casa da Cultura para 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e o mércores 19 de outubro tamén se lles pasará ás nenas e nenos de 5º e 6º de Infantil e ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. 175 pequenos e pequenas en total que, se cadra, nunca viron “O bosque animado” pero que agora terán a oportunidade de descubrilo.
“Os Camiños de Carlos Casares”, desde o luns na Casa do Concello
A seguinte exposición que ocupará a galería municipal será “Os Camiños de Carlos Casares”, que recolle 40 fotografías de Xurxo Lobato inspiradas en textos do escritor sobre a experiencia da peregrinaxe que fixo en 1992 entre o Cebreiro e Santiago. Trátase dunha mostra promovida pola Fundación Carlos Casares en colaboración co afamado fotoxornalista, incluída dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Poderemos vela na Galería do Concello nos horarios de apertura das oficinas municipais. Inaugurarase o luns 17 de outubro ás 19:30h.