Juan Fariña propón a María Barral que asuma a organización dunha resposta coordinada e potente de concellos afectados na comarca contra os recortes e mal funcionamento actual do transporte en autobús.
Juan Fariña, en calidade de voceiro de Alternativa dos Veciños de Bergondo, ven de manter unha reunión con María Barral, alcaldesa de Betanzos, para comentar a preocupación xeneralizada que está a suscitar entre a cidadanía de toda a comarca o problema de frecuencias e horarios de autobuses en diversas liñas que cruzan os nosos respectivos territorios. Como ben sabido é, o problema afecta a todas as idades e a todas as persoas que dun modo ou outro dependen do transporte público por estrada. A gravidade da situación e o retroceso histórico que isto está a supor requiren, ao noso modo de ver, dunha resposta audaz, conxunta e contundente por parte de todos os concellos que nos vemos nesta tesitura. De aí que veñamos de propoñer á mandataria local que máis se ten manifestado de xeito público en contra dos recortes nesta materia, que explore a posibilidade de artellar esa resposta conxunta de concellos que, opinamos, sería a vía axeitada para combater a ineficacia patente da Xunta de Galicia neste asunto. Esta proposta conecta ademais de xeito claro coa moción de Alternativa aprobada polo pleno do noso concello no pasado mes de maio.
Alternativa dos Veciños e Juan Fariña queren agradecer a boa acollida e a cordialidade coa que a rexedora de Betanzos ten recibido a xuntanza e a proposta que lle facemos chegar. En palabras de Fariña; “Os políticos debemos afrontar como totalmente normais encontros entre representantes locais de distintos concellos e de distintas siglas. Non pasa nada, non é ningún acto contranatura nin se van abrir as portas do inferno por facer algo así. Todo o contrario -e máxime nun asunto tan grave coma este- o que nos pide a veciñanza é que sexamos quen de aparcar as siglas, que fagamos causa común e que tentemos solucionar o problema. Nin a miopía política nin a minifundismo electoralista de algúns van arranxar esta papeleta que temos entre mans”.
Por outra parte, e na mesma xuntanza, Juan Fariña tamén aproveitou para comentar coa mandataria betanceira a situación das oficinas do INSS na cidade brigantina, practicamente pechadas de facto e con unha soa persoa traballando nas mesmas. María Barral transmitiulle a Fariña o seu convencemento de que o problema nese organismo é algo conxuntural atribuíble ás baixas de persoal, que se solucionará pronto, e que non hai unha intención por parte do ministerio orientada a suprimir o organismo en Betanzos, xa que iso constituíría un feito moi grave e intolerable.